XUNTA DE GOBERNO

O Concello solicítalle á Xunta 2,6 millóns de euros para cofinanciar os servizos sociais comunitarios

18/03/2024 A Xunta de Goberno acordou hoxe solicitarlle á Xunta de Galicia unha transferencia de 2,6 millóns de euros para o cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios, aos que o Concello de Santiago fai unha achega de 3,5 millóns de euros. Eses fondos destínanse maioritariamente ao Servizo de Axuda no Fogar. O executivo municipal tamén deu luz verde á recepción das obras de repavimentación da praza da Nosa Mercé de Conxo e ao inicio do procedemento para contratar a organización dunha nova edición da Festa dos Maiores, que un ano máis se celebrará no marco das Festas da Ascensión.

Co acordo adoptado hoxe, o Concello solicítalle á Xunta unha transferencia finalista para o cofinanciamento dos Servizos sociais comunitarios básicos por unha contía de 2.621.742,96 euros, sobre un orzamento total de 6.265.725,86 euros. A achega municipal sería, polo tanto, de 3.597.840,90 euros, o que supón unha porcentaxe do 57,42% sobre o orzamento total do proxecto. En 2023, a achega municipal foi do 46,47% do total do proxecto, isto é, 2.167.200,13 euros dun total de 4.664.032,20 euros.

Do importe solicitado á Xunta, 2.243.002 euros serán para o Servizo de Axuda no Fogar, fronte aos 3.010.673,21 euros que o Concello achegará ao servizo neste ano. O incremento con respecto a 2023 será de 54.140 euros na subvención da Xunta, e de 1.519.187,13 euros na achega municipal para o SAF.

Ademais do SAF, a transferencia da Xunta está destinada a cofinanciar gastos de persoal e ao reforzo dos equipos de infancia e familia.

Repavimentación da praza da Nosa Mercé de Conxo

O executivo municipal deu luz verde esta mañá o inicio de trámites para a recepción das obras de repavimentación da Praza da Nosa Mercé de Conxo. Coa realización desta intervención, o Concello dá resposta ás reclamacións por parte da veciñanza do barrio que solicitaban melloras no estado do firme.

Durante as obras, levouse a cabo a substitución do pavimento de lastro por un pavimento de alcatrán impreso en cor vermella, o que permitiu elevar a vía 15 cm sobre o pavimento actual e eliminar os bordos creando unha plataforma compartida. Tamén se instalaron dúas marquesiñas de autobús e se renovou a sinalización horizontal e vertical.

O contrato o das obras de "repavimentación da praza da Nosa Mercé de Conxo" fora adxudicado á empresa FRANCISCO GÓMEZ Y CÍA SL por un orzamento de 111.522 euros (92.166,94 euros sen IVE).

Festa dos maiores

A Xunta de Goberno tamén aprobou o expediente de contratación do servizo de Festa dos maiores para os anos 2024 e 2025, cun orzamento base de licitación de 99.792,00 € (base impoñible de 90.720,00 € e IVE do 10% de 9.072,00 €).

O Concello de Santiago promove dende hai anos a celebración da Festa dos Maiores nas instalacións Municipais do Recinto Feiral de Amio na que se celebra un xantar popular, seguido de orquestra e baile. O obxectivo deste evento, que se celebra no marco das Festas da Ascensión, é fomentar a participación e a interacción das persoas maiores de distintas parroquias e lugares do termo municipal, celebrando un día especial nun espazo de encontro no que se sintan protagonistas.

Outros asuntos

Na sesión desta mañá tamén se deu luz verde á aprobación do proxecto técnico para a renovación da infraestrutura de iluminación e do peche perimetral suroeste do campo de fútbol municipal das Cancelas. Este contrato contará cun orzamento base de licitación por valor de 184.314,92 € + 21% IVE e un prazo previsto de execución previsto é de seis semanas.

O executivo municipal tamén acordou a adxudicación do servizo de subministración de equipos denominados traxes de intervención e protección persoal (chaquetóns e cubrepantalóns) con arnés para o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Santiago de Compostela á empresa AXATON SL por un importe de 129.240,10 € (base impoñible de 106.810,00 € máis IVE do 21% de 22.430,10 €).

Compartir: