XUNTA DE GOBERNO

Nos próximos días abrirase o prazo de solicitude de autorizacións para usar as hortas municipais de Campo das Hortas, Santa Marta, Belvís e Caramoniña

18/03/2024 A Xunta de Goberno local deu luz verde hoxe á apertura do prazo de solicitude das autorizacións para o uso hortícola das parcelas municipais dos parques Campo das Hortas, Santa Marta, Belvís de Arriba e de Abaixo e Caramoniña, tras confirmar a caducidade dos permisos outorgados entre 2008 e 2019. Tamén se aprobou o Plan de emerxencias ante situacións de seca para o abastecemento urbano da auga en Santiago.

Todas as persoas interesadas poderán presentar a solicitude de autorización para o uso das hortas municipais Campo das Hortas, Santa Marta e Belvís de Abaixo desde o 8 de abril ata o 19 de abril, e para as de Caramoniña e Belvís de Arriba desde o 20 de marzo ata o 4 de abril.

Esta convocatoria está aberta a toda a veciñanza de Santiago aínda que terán preferencia aquelas persoas con domicilio nun radio de 500 m dende a horta de referencia e/ou maiores de 65 anos. No caso de que o número de solicitantes supere o de hortas, as concesións adxudicaranse por sorteo.

A Comisión encargada de avaliar as solicitudes presentadas, estará presidida polo concelleiro de Parques e Xardíns, Xesús Domínguez e formada polo encargado de xefe de Parques e Xardíns e o xefe da sección de Biodiversidade.

Procedemento de solicitude

As persoas interesadas, deberán presentar o impreso da solicitude debidamente cuberto e a fotocopia do DNI na sede electrónica do Concello de Santiago, no rexistro Xeral do Concello de Santiago, no Centro Sociocultural do Ensanche( rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16 baixo) ou por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Plan de emerxencia ante situacións de seca

O executivo municipal tamén aprobou Plan de emerxencias ante situacións de seca para o abastecemento urbano da auga en Santiago de Compostela. Con este documento, o Concello establece os protocolos, indicadores e actuacións a levar a cabo no caso de desabastecemento ou seca na subministración do termo municipal de Santiago, así como as posibles actuacións que xunto con outras administracións locais, autonómicas e nacionais pódense levar a cabo para prever e dar solucións ás situacións de emerxencia.

Entre os contidos recollidos neste documento están os elementos obxectivos para anticipar as situacións de seca; as medidas concretas do Plan de emerxencia; as regras de explotación para o sistema de abastecemento á poboación; as medidas para paliar ou minimizar os efectos da seca; as funcións das distintas áreas e/ou departamentos involucrados para unha xestión operativa eficiente da situación; ou un sistema de indicadores para avaliar a efectividade das medidas tomadas.

Os plans de emerxencia ante situacións de seca deben ser elaborados polas administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento urbano que atendan, singular ou mancomunadamente, una poboación igual ou superior a vinte mil habitantes, e posteriormente validados pola administración hidráulica competente, co fin de asegurar a consistencia entre o disposto neles e os correspondentes Plans Especiais de Actuación en Situacións de Alerta e Eventual Seca da súa demarcación hidrográfica.

Compartir: