LINGUA

Correlingua leva a festa do galego a once localidades de Galicia

15/03/2024 Concertos, regueifas, obradoiros, concursos e carreiras volven ser a festa de reivindicación do uso do galego na 24 edición de Correlingua que foi presentada esta mañá no Pazo de Raxoi. A Gramola Gominola, Cuarta Xusta e a Menánika Rolling Band gañan os tres primeiros premios de Cantalingua, con Paco Nogueiras e Pauliña no cuarto posto. As cinco bandas serán as protagonistas das festas a celebrar nos centros repartidos por todo o país.

Correlingua volverá encher Galicia da reclamación festiva do uso do galego en todos os ámbitos, pero especialmente entre o alumnado. Correlingua desenvolverase en once localidades no vindeiro mes de maio e en cada unha delas participarán alumnas e alumnos dos centros da súa contorna. Concertos, festas, regueifas, obradoiros, concursos son o centro dunha actividade que este ano acada a súa vixésimo cuarta edición.

Todas as actividades que convertirán o vindeiro de mes de maio nunha festa das escolas foron presentadas no Concello de Santiago poñendo especial fincapé na importancia de traballar coa xente nova para garantir o futuro da lingua desde a festa e a celebración. Na presentación participaron representantes das entidades organizadoras: Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago; Anxo Terán, presidente da AC Correlingua; Celia Armas, secretaria da Mesa pola Normalización Linguística; Xerardo Rodríguez Roca, da AS-PG; e Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino. Entre as entidades colaboradoras figuran as deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, e os concellos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Vigo, ademais do de Santiago.

Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, explicou na presentación de Correlingua a importancia de eventos que chamen pola xuventude e pola rapazada para reivindicar o uso do galego, e que o fagan de maneira "festiva, sen prexuízos e desfrutando de todo o que ten que ofrecer o noso idioma e a nosa cultura".

Os representantes das tres entidades organizadoras, CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a AS_PG, sinalaron a importancia dunha cita que pronto acadará un cuarto de século reivindicando de xeito festivo o dereito ao uso da lingua propia entre as xeracións máis novas. Unha festa na que está implicada toda a comunidade educativa e a as localidades nas que se celebra.

Para Suso Bermello, "Correlingua é moito máis que unha carreira, é unha festa e tamén é unha reivindicación do dereito das persoas a vivir no seu idioma". O secretario nacional da CIG-Ensino sinalou que en 2000, cando comezou a celebrarse Correlingua "a situación do galego no ensino e na sociedade era dun devalo claro". Bermello recapitulou a situación da lingua desde entón, salientando por unha banda o esforzo para todas as institucións que facilitan a súa celebración, pero chama a atención que a institución que ten todas as competencias, a Consellería de Educación, non participe".

Celia Armas, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, explicou as dimensións do Correlingua para este ano, apuntou as datas de celebración das festas que decorrerán o mes de maio engandido que "todas as iniciativas que promove o Correlingua nos centros supoñen na práctica que o "Correlingua estea en marcha todo o ano escolar". Tamén salientou o feito de que Correlingua cumpra 24 anos o que a convirte "nunha das principais referencias na defensa da lingua".

O presidente da asociación Correlingua, Anxo Terán, sinalou a importancia de todas as actividades que o evento realiza nos centros, os obradoiros os concursos, os encontros con autoras, actividades que mobilizan aos centros e que tamén mobilizan sectores da cultura do país como o musical, Terán deu a coñecer os gañadores da convocatoria do Correlingua deste ano que, en total, distinguiu cinco cancións de outras tantas formacións: 1º A Gramola Gominola coa canción ‘Superlingua’, 2º Cuarta Xusta coa canción ‘Presumo de galego’, 3º Mekánika Rolling Band coa canción ‘Miña nai’ e 4º Paco Nogueiras coa canción ‘Festa!’ e Pauliña con ‘Pauliña sen faser nada’. Estas bandas e solistas serán as encargadas de animar as festas nas once localidades que este ano visitará o Correlingua

Calendario de carreiras e festas do Correlingua

venres 3- A Coruña ao pé da Torre de Hércules
luns 6 - Narón no Auditorio Municipal
martes 7 - Bueu na Praza de Massó
mércores 8 - Lugo na Praza de Sta María
mércores 15 - Ourense no Auditorio e na Praza Maior
luns 20 - Compostela na Alameda
martes 21 - A Estrada na Praza da Feira
xoves 23 - Vigo no Parque de Castrelos
venres 24 - Monforte na Praza dos Condes
luns 27 - Pontevedra na Alameda
mércores 29 - Burela na Praza da Mariña

Outras actividades do Correlingua 2024

Tamén se desenvolverán outras actividadades como 'Regueifando!' e 'Desata a lingua' así como o concurso libre de creación artística en galego 'Crealingua' e o concurso de música 'Cantalingua'. Toda a información está dispoñible na web correlingua.gal.

Direcciones relacionadas



Compartir: