BOMBEIROS

Os nove concellos implicados na comarcalización do servizo de bombeiros reiteran o seu compromiso co proxecto

13/03/2024 A alcaldesa, Goretti Sanmartín, presidiu hoxe a xuntanza de alcaldes e alcaldesas dos concellos implicados na comarcalización do servizo de bombeiros, convocada para explicar os avances neste proxecto. O concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, deu conta da reunión que mantivo onte coa Xunta e coa Deputación Provincial da Coruña, na que as tres administracións mostraron a súa vontade de ter asinado ao longo deste ano o convenio para desenvolver o parque comarcal.

A alcaldesa mostrou a súa satisfacción polo resultado da xuntanza que tivo lugar onte "despois de meses de traballo, nos que avanzamos de maneira considerable para que o parque comarcal de bombeiros sexa unha realidade despois de moitos anos de espera". Nese sentido, Goretti Sanmartín agradeceu o compromiso de Xunta e Deputación, que onte ratificaron os seus compromisos financeiros co parque comarcal". Xunta e Deputación achegarán ao proxecto tres millóns de euros, dos que dous millóns serán para as obras das futuras instalacións, e un millón de euros anual para os custos de persoal. Para a rexedora, "hoxe é un día para felicitármonos pero tamén para seguir traballando para que o convenio poida ser asinado canto antes".

Pola súa banda, o concelleiro de Mobilidade e Convivencia explicou que "a comarcalización do servizo de bombeiros é un proxecto moi ambicioso, porque falamos de atender desde Santiago a nove concellos que suman case 180.000 habitantes e unha extensión de máis de 900 quilómetros cadrados". Xan Duro lembrou que a principal traba para a posta en marcha do parque comarcal tiña que ver coa dotación de persoal, "porque desde o Concello de Santiago sempre consideramos que non se podía atender o servizo tirando só de horas extras, senón que defendimos que era precisa a contratación de máis persoal, tal e como avalan os últimos informes técnicos". O edil avanzou que "existe a posibilidade de cubrir inicialmente as prazas necesarias con interinidades, posto que a resolución dos procesos de oposicións para a cobertura definitiva require de prazos máis demorados".

Xan Duro explicou tamén que o Concello de Santiago traballa xa en dúas cuestións, "os aspectos máis xurídicos relacionados co convenio de colaboración para a posta en marcha do parque comarcal, e os estudos técnicos que teñen que desenvolver os bombeiros para coñecer as características dos nove municipios implicados no que tén que ver coa atención a posibles emerxencias". Por último, reiterou que a comarcalización "non depende de ter unhas novas instalacións, xa que o servizo pódese empezar a prestar desde as actuais dependencias mentres non se resolva a construción do novo edificio".

Na reunión que tivo lugar hoxe no Pazo de Raxoi participaron os alcaldes e alcaldesas de Ames, Blas García; Teo, Lucía Calvo de la Uz; Vedra, Carlos Martínez; Boqueixón, Ovidio Rodeiro; Val do Dubra, Diego Díaz; Trazo, Josefina Suárez; e O Pino, Manuel Taboada. Non puido asistir por cuestións de axenda o alcalde de Brión, Pablo Lago.

Compartir: