EDUCACIÓN

Aberto o prazo de presentación de propostas ao XVII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

13/03/2024 O Concello de Santiago e Kalandraka Editora convocan o XVII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, dirixido a autores/as e ilustradores/as de todas as nacionalidadese e cunha dotación económica de 9.000 euros. O prazo de presentación dos traballos estará aberto desde hoxe, 13 de marzo, ata o 16 de maio e o fallo do xurado darase a coñecer durante a segunda quincena de xuño.

Coa publicación das bases no Boletín Oficial Provincial (BOP) de hoxe, 13 de marzo, queda aberto o prazo de presentación de orixinais ao XVII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados ata o 16 de maio. O fallo anunciarase na última quincena de xuño de 2024, para proceder á presentación da obra e á entrega do galardón no mes de novembro deste mesmo ano.

Ao XVII Premio Internacional Compostela poden optar autores e ilustradores de calquera nacionalidade con obras orixinais e inéditas, escritas en calquera lingua oficial da Península Ibérica. As persoas interesadas en participar no certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en color de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto.

Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato; a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas). O material, asinado baixo lema ou seudónimo, e cos datos persoais dos participantes incluídos nun sobre pechado, serán remitidos ou entregados no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende nº4, 15705 Santiago de Compostela).

Anteriores edicións

Ata o momento convocáronse dezaseis edicións que tiveron unha grande aceptación pois contabilizáronse máis de 4.626 traballos, cifra que dá a medida da importante repercusión que este premio ten a nivel internacional. Os traballos presentados a este premio procederon de diversos países como: España, Italia, Colombia, Portugal, Reino Unido, Rusia, Alemaña, Arxentina, Francia, México, Uruguai, Suíza, Suecia, Estados Unidos, Austria, Polonia, Ecuador, Noruega, Kazajistán, Chile, Ucraína, China e Brasil.

A primeira gañadora do Premio Internacional Compostela foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada «Cerca», presente na rolda de prensa de hoce. Ao ano seguinte o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por «Un gran soño». O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro «A familia C». O uruguaio Martín León Barreto gañou a cuarta convocatoria con «A viaxe de Olaf». Seguiulle «Bandada», dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez. Na sexta edición a obra elixida foi «Mamá», da arxentina Mariana Ruiz Johnson. Na convocatoria de 2014 foi premiado «Ícaro», do pacense Federico Delicado. A galardoada en 2015 foi «Despois da chuvia», do cordobés Miguel Cerro. Ao ano seguinte, o premio recaeu nos autores gregos Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi por «Unha última carta». Na décima edición gañou «A horta de Simón», da arxentina Rocío Alejandro. Fran Pintadera e Christian Inaraja foron os autores galardoados en 2018 por «Cándido e os demais» e, ao ano seguinte, a búlgara Mariann Máray co álbum «O can de Milu». Na edición seguinte resultou seleccionado o proxecto do italiano Pietro Gottuso, «Dende 1880». Marina Gibert, con «Selva», foi a gañadora en 2021, e a artista peruana Fabiola Anchorena con «Esperando o amencer», no 2022. Na anterior edición o premio foi para as autoras catalás Núria Figueras e Anna Font pola súa obra ‘A visita’.

Compartir: