CAPITAL CULTURAL

O Teatro Principal acolle a estrea galega de Manuela Rey is in da house

12/03/2024 O Centro Dramático Galego, o Teatro Nacional Dona Maria II, o Teatro Nacional São João e o Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana coproducen esta obra que recupera para a escena a historia de Manuela Rey, a actriz galega que se converteu na estrela do teatro lisboeta no século XIX. ‘Manuela Rey is in da house’ terá en Compostela tres funcións abertas ao público, o xoves 14, o venres 15 e o sábado 16, que irán precedidas dunha preestrea o mércores 13 dirixida ao estudantado universitario.

O pano do Teatro Principal erguerase esta semana até en catro ocasións para devolver á escena a imaxe, as palabras e a memoria de Manuela Rey. Co gallo de recuperar e dilucidar a historia fulgurante e enigmática desta intérprete de orixe galega que acabou por ser a primeira actriz da escena teatral lisboeta do século XIX, o Centro Dramático Galego, o Teatro Nacional Dona Maria II, o Teatro Nacional São João e o Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana únense na coprodución de Manuela Rey is in da house, un espectáculo que chega a Santiago no marco da programación escénica de Compostela Cultura.

O ambigú do Teatro Principal acolleu este martes a rolda de prensa para a presentación da estrea da peza en Galicia. Nela participaron representantes do equipo e das institucións involucradas no proxecto: a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, a vicedirectora do Instituto das Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC), Cristina Sánchez Carretero; e unha das integrantes do elenco, a actriz Raquel Crespo.

Míriam Louzao puxo en valor a colaboración institucional nun "proxecto que, a partir da historia de Manuela, recupera para nós unha parte esquecida do teatro galego e portugués, pero que vai alén do teatro e, que nesa recuperación patrimonial, espalla as súas accións pola cidade e involucra múltiples institucións: nelas colaboran tamén a Universidade de Santiago, o CSIC/ INCIPIT, o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, a Dirección Xeral de Patrimonio, a ESAD e o Instituto Camões". As distintas accións desenvolvidas no marco desa colaboración, apuntou a concelleira, "prenden os focos que servirán para iluminar a súa chegada á casa que é o Teatro Principal de Compostela".

Manuela Rey is in da house afonda na conexión das escenas teatrais a unha e outra beira do Miño, vínculo que se plasma non só na participación na coprodución do CDG coas principais institucións teatrais do país veciño, senón tamén na convivencia das linguas en escena, na composición do equipo técnico e artístico e mesmo nos materiais de vestiario e escenografía, en moitos casos reciclados de espectáculos previos das compañías implicadas.

Fran Núñez asina a dirección artística e dramaturxia deste espectáculo que partiu dunha fonda labor de investigación en colaboración co CSIC para rescatar do esquecemento a traxectoria desta mindoniense que partiu do seu Trigás natal cando era unha nena para iniciar un periplo que a levaría a Lisboa, a cidade na que se converteu en estrela. O talento de Manuela fixo que con só 15 anos despuntase no Teatro Nacional Dona María II da capital lusa coa obra A alegría traz o susto e que aos 23, cando finou, o fixese como a primeira actriz da escena lisboeta.

O director do CDG tamén salientou o afán "coral e colaborativo e simbólico" deste proxecto que procura cumprir co "deber de recuperar a figura de Manuela Rey, unha das grandes actrices galegas da nosa historia e que ten esa vertente fantástica de unirnos a Portugal. Se vedes os seus escritos —os poucos que conservamos e sobre os que seguimos investigando para atopar máis— son como un elo perdido entre a nosa lingua e a portuguesa da man dunha actriz e escritora coetánea a Rosalía de Castro".

En efecto, alén de converterse nunha icona da interpretación do XIX, Manuela Rey chegou a escribir pezas para a escena e deixou tras si, cartas, escritos filosóficos e apuntamentos biográficos que dan conta do seu talento, da súa sensibilidade, das reflexións sobre a súa condición de muller e do seu talante reivindicativo. Estes textos vanse fiando con outros de Almeida Garret, Eduardo Augusto Vidal, Ernesto Marecos, Paula Ballesteros, Sousa Bastos, Xaquín Núñez Sabarís e do propio elenco para construír un relato metateatral da vida de Manuela Rey, que é posible grazas á transferencia de documentación de Andrés García, Antonio Reigosa, o Consello da Cultura Galega, o Teatro Nacional Dona Maria II e o Museo Nacional do Teatro. O espectáculo reúne un equipo que amosa a irmandade entre as escenas galega e portuguesa: Mariana Carballal, Raquel Crespo, e Xosé Lois Romero súmanse a Neto Portela, Nuno J. Loureiro, Rafaela Sá e Teresa Vieira para conformar o elenco da obra, que contan ademais co asesoramento e a participación de Paula Ballesteros, actriz, arqueóloga e antropóloga do INCIPIT-CSIC responsable da investigación histórica arredor de Manuela. Pedro Azevedo deseña o vestiario e a escenografía, que realizan os técnicos do CDG. Nuno Meira ocúpase da iluminación e Neto Portela e Guilherme de Sousa apoian a creación e o movemento escénico da obra.

Manuela Rey is in da house contará tres funcións abertas ao público esta semana: o xoves 14, o venres 15 e sábado 16 de marzo, todos eles ás 20.30 horas. A estes tres pases súmase unha preestrea especial, o mércores 13, dirixida á comunidade universitaria no marco das Faíscas Culturais, un programa da USC que ten como obxectivo prender a reflexión cultural no estudantado e complementar a súa formación a través de intervencións e actividades alén das aulas.

As entradas para a estrea deste xoves xa están esgotadas pero aínda quedan localidades dispoñibles para a representación do venres 15 e do sábado 16. Todas elas teñen un prezo de 12 euros (6 euros cos descontos habituais) e están xa á venda na páxina web compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h) . Tamén se poderán adquirir o día de cada función no despacho de billetes do Teatro Principal dende unha hora antes do seu inicio. Ao remate do pase do venres 15, o público asistente terá, ademais, a oportunidade de conversar co equipo responsable do proxecto na #posfunción, un faladoiro que procura dar a coñecer en detalle o proceso de desenvolvemento dos traballos da programación escénica de Compostela Cultura.

Direcciones relacionadas



Compartir: