PROMOCIÓN ECONÓMICA

Case o 70% dos alumnos de cantería acceden ao mercado laboral

18/05/2007 A Concellaría de Promoción Económica e Emprego levará a cabo, o luns 21 e o martes 22 de maio, o proceso de selección de alumnos para o curso de Cantería. Esta actividade formativa, incluída no Plan FIP (Formación e Inserción Profesional), está destinada a persoas desempregadas. Os interesados poden achegarse polas instalacións da Concellaría de Promoción Económica situadas na porta 9 do Multiusos de San Lázaro (Avda. Fernando Casa Novoa, 20), en horario de 9:00 a 14:00 horas.

En 2006, o 67% dos alumnos que remataron o curso de cantería impartido por Promoción Económica accederon ao mercado laboral. Na actualidade existe unha alta demanda laboral de canteiros, sobre todo en cidades cun patrimonio histórico e arquitectónico importante, como é o caso de Santiago de Compostela. Segundo o último "Estudo do Mercado Labora. Galicia 2005", editado pola Xunta, o segundo grupo onde se rexistran máis ofertas laborais é o de albaneis e canteiros (só por detrás de camareiros, barmans e asimilados). E esta tendencia vai en aumento. No 2003 ofertáronse en Galicia 1.512 postos laborais de albaneis e canteiros, no 2004, un ano despois, 1.517 e 2.031 no 2005. Ademais, este grupo figura en 2005 en sétimo lugar na lista dos trinta máis contratados, e a tendencia é que segue subindo. Ese ano formalizáronse 31.216 contratos, fronte aos 30.342 do 2004 e os 29.618 do 2003.

O curso de cantería contempla dous módulos transversais, Formación para a Igualdade e Curso básico de prevención de riscos laborais, do que se expedirá un certificado, e outros catro módulos da propia actividade formativa. Son Labrado de pedras de sillería con molduras, Labrado de columnas de sección cricular, Enlousado de cantería e Asentado de pedras de sillería. En total serán 705 horas lectivas. Está previsto que as clases se desenvolvan entre o 21 de maio e o 6 de novembro, en horario de mañá. Ademais, o curso contempla a realización de prácticas en empresas por un período de un mes.

Os alumnos que asistan aos cursos do Plan FIP pero que non logren insertarse laboralmente seguirán recibindo o apoio da Concellaría. Poderán acollerse aos Itinerarios Personalizados de Inserción Laboral, a través dos que recibirán a orientación e a axuda precisa de titores especializados sobre cómo acceder ao mercado laboral. Ademais, Promoción Económica tramitaralles a documentación necesaria para que obteñan o Certificado de Profesionalidade. O curso de cantería está homologado pola Xunta de Galicia, e foi concedido pola Consellería de Traballo á Concellaría de Promoción Económica xunto ás actividades formativas de fontanería, instalador de sistemas de enerxía solar térmica, carpintería e xardinería.

Compartir: