CENTROS SOCIOCULTURAIS

O CSC de Santa Marta acolle "Danzade", unha xornada para reflexionar sobre o baile tradicional con perspectiva de xénero

06/03/2024 O Centro Sociocultural de Santa Martaacollerá o próximo 16 de marzo unha xornada que ten como obxectivo revisar o baile tradicional galego con perspectiva de xénero, explorar a súa confluencia coa danza contemporánea, e achegar estas disciplinas a novos públicos. Baixo o nome de "Danzade", o proxecto foi presentado hoxe polo concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro; a responsable do CSC de Santa Marta, Sandra Quintana; o responsable da xornada, Gustavo Couto; e unha das bailadoras que participan na iniciativa, Iria Portos.

"Danzade" é un proxecto que pretende ser un espazo de confluencia entre a danza máis tradicional e a puramente contemporánea, facendo fincapé na igualdade de xénero e nos estereotipos que van asociados a estas disciplinas. Tal e como apuntou Xan Duro, "trátase de mostrar que se pode divulgar o noso patrimonio cultural respectando a tradición pero afastándonos de micromachismos que tamén están presentes na música e no baile".

Nesa liña, Gustavo Couto explicou que a iniciativa "xurdiu inicialmente co obxectivo de achegar a danza contemporánea e o baile tradicional, que ainda sendo disciplinas diferentes conectan perfectamente porque ambas disciplinas permiten a expresión a través do corpo". Posteriormente, apuntou, "optamos por un enfoque centrado na igualdade, pensando nunha montaxe na que o baile fora pensado para as persoas con independencia do xénero".

Faladoiro con Carme Campo e Chus Caramés

A xornada comenzará ás 11.00 horas cun faladoiro a cargo de Carme Campo e Chus Caramés, educadoras e profesoras de baile tradicional que levan case dez anos traballando nun proxecto denominado "Andar cos Tempos" que revisa o baile e a música tradicional galega con perspectiva de xénero. O seu obxectivo é coidar e difundir o noso patrimonio cultural inmaterial, pero transmitíndoo sen os estereotipos sexistas que teñen asociados, de maneira que se divulgue o concepto do tradicional como algo vivo, dinámico e aberto aos cambios.

Danza tradicional e contemporánea

Xa na sesión de tarde, a partir das 18.30 horas, "Danzade" acollerá diferentes espectáculos de danza. O primeiro correrá a cargo do grupo Armadanzas de Laraño, un grupo de baile tradicional que mostrará coreografías tradicionais con perspectiva de xénero, isto é, nas que as guías de coreografías poderán ser tanto bailadores homes como mulleres. De seguido, o Ballet de Galicia porá en escena un espectáculo de danza contemporánea, representado unicamente por mulleres.

Para o broche final da xornada, a compañía Et Suseia Danza representará o seu espectáculo "O que non se ve", que fusiona baile tradicional e danza contemporánea. A bailadora Iria Portos explicou que "a montaxe está concibida para poñer no punto de mira os micromachismos que perduran na sociedade actual fronte á forza e a loita das mulleres reflectida en diferentes situacións da vida cotiá".

A participación na xornada é de balde, pero é preferible inscribirse a través do teléfono 981 543017, indicando a asistencia ás actividades da mañá, da tarde ou ambas.

Exposicións nos Centros Socioculturais

Tamén no Centro Sociocultural de Santa Marta, a partir de mañá poderáse visitar a exposición "Espazos Socioculturais en trazos". A mostra reúne 45 debuxos en tinta realizados por David Orihuela, e que constitúen un completo catálogo dos diferentes centros e locais socioculturais de Santiago, tanto os do ámbito urbano como do rural.

Por outra parte, no Centro Sociocultural do Romaño quedou instalada unha exposición itinerante con maquetas das estacións de ferrocarril, organizada en colaboración coa asociación Exin Castillos & West e que homenaxea a primeira viaxe de tren entre Cornes en Carril, en 1873. Esta mostra permanecerá no Romaño ata o 24 de marzo, e ao longo do ano poderáse visitar nos centros socioculturais do Castiñeiriño, Ensanche, Santa Marta, Vite, Cidade Histórica e Cornes.

Compartir: