ACCIÓN CULTURAL

‘Paüra’: música, teatro e circo para superar os medos a forza de gargalladas

05/03/2024 "Se non podes co medo, únete a el". Velaí a premisa que dá inicio a Paüra, o espectáculo da Compañía Lucas Escobedo que poderá verse no Auditorio de Galicia este sábado, día 9 de marzo, ás 18.30 horas. Esta montaxe interxeracional que enfeitiza tanto a rapazada como o público adulto reivindica o humor e a poesía como recursos para enfrontar os medos, vencelos ou deixalos marchar. A cabalo entre disciplinas, preséntase como un concerto teatral (con música en directo), que bota man da linguaxe do pallaso para construír momentos de gran comicidade a partir do xogo coa palabra, co xesto, coa maxia, coa sorpresa e coa emoción.

Así, co humor como escudo e coa música como carta de presentación, Lucas Escobedo, Raquel Molano, Alfonso Rodríguez e Paula Lloret, ofrecen ao público un relato no que hai cabida para toda sorte de medos e persoas medorentas: "Existen tantos tipos de medos como persoas hai no mundo. O noso obxectivo non é presentar un abano de todos e cada un deles, senón utilizalos como trampolín para saltar ao baleiro e despregar as ás do humor nese voo. Paüra mergúllase no mundo da comedia para abordar o tema do medo desde ese punto de vista. Tamén poderiamos falar de traxicomedia, ou de comedia con tinguiduras melodramáticas; en fin, esa mestura de xéneros que nacen no máis fondo de cada persoa, onde o pranto e a risa se dan a man e se entrelazan sorprendéndose pola súa continua correlación".

Con dirección e dramaturxia de Lucas Escobedo, dirección e composición musical de Raquel Molano, deseño de arte e vestiario de Paloma Bravo, iluminación de Juanjo Lloréns e deseño de son a cargo de Óscar Guzmán, Paüra foi distinguida como mellor espectáculo de Circo nos Premios das Artes Escénicas Valencianas e resultou finalista nos Premios Max ao mellor espectáculo musical. A peza, que forma parte do programa PLATEA do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), chega a Santiago ao abeiro do ciclo ‘En Familia’ de Compostela Cultura. As entradas, a un prezo único de 3 euros, poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C ·Punto de Información Cultural (situada na rúa Preguntoiro, núm. 1, e aberta de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no do propio Auditorio de Galicia (o día do espectáculo dende unha hora antes do seu comezo).

O equipo

A Compañía Lucas Escobedo nace en 2011 tras a estrea da súa primeira creación en solitario, Boiiiing. O seu principal impulsor é Lucas Escobedo, artista alacantino multidisciplinar que bebe tanto do mundo circense como do teatro. Tras colaborar con diferentes compañías nos seus inicios, en 2013 arranca unha nova etapa coa creación dun proxecto de autoría propia: Habitación 801. Con el foi candidato a mellor espectáculo de Circo nos Premios das Artes Escénicas da Comunidade Valenciana en 2018 e traballou tanto a nivel internacional como estatal nalgúns dos principais teatros e festivais. En 2018 recibe o encargo de dirixir a nova produción do Teatro Escalante de Valencia: YOLO. Esta obra, estreada no Teatro Martín i Soler do Palau de lles Arts de Valencia a finais dese ano recibe nos Premios FETÉN 2019 o galardón a mellor espectáculo de gran formato e o premio a mellor espazo sonoro. Ademais é seleccionado como espectáculo recomendado no catálogo da Rede de Teatros de España, gañador do premio a mellor espectáculo de circo nas Artes Escénicas Valencianas 2019, e candidato aos Premios Max 2020 como mellor espectáculo para público familiar e mellor composición musical de Raquel Molano. Tras esta peza, que tamén formou parte da programación de Compostela Cultura en 2021, Paüra e Adeu son os traballos máis recentes da compañía.

Direcciones relacionadas



Compartir: