XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica o contrato do servizo de mantemento das pistas deportivas exteriores municipais de acceso libre

04/03/2024 O executivo municipal deu luz verde esta mañá á adxudicación do contrato para o servizo de inspección, mantemento, limpeza e traballos auxiliares das pistas deportivas exteriores de acceso libre do Concello de Santiago á empresa ACEINSA MOVILIDAD SA, por un importe de 275.880 euros (228.000 euros máis 47.880 euros de IVE). O executivo municipal tamén aprobou a lista de persoas autorizadas para usar as hortas urbanas municipais de Cotaredo.

O contrato adxudicado á empresa ACEINSA MOVILIDAD SA inclúe a realización de todos os labores relacionados coa inspección e supervisión periódica do estado das pistas deportivas, de todos os elementos e os equipamentos que conteñen, o mantemento tanto preventivo coma correctivo, a limpeza destas instalacións e outros traballos auxiliares necesarios para que o Concello de Santiago xestione debidamente estes espazos deportivos de uso público.

En concreto, os elementos materiais das pistas deportivas exteriores que constitúen o ámbito de aplicación material deste contrato son o pavimento das pistas, os peches perimetrais con todos os seus elementos, as barandas, as gradas, as cubertas, as fachadas ou muros de contención, os elementos e equipamentos de uso deportivo (porterías, canastras, redes...), as canalizacións, arquetas e sumidoiros, os espazos entre pistas e zonas de paso e acceso e a sinalética.

No prazo de 60 días naturais dende a sinatura do contrato o adxudicatario deberá realizar as inspeccións iniciais de todas as pistas deportivas, revisando tamén as medidas de prevención e os medios de protección das instalacións. Coa información recollida nas mesmas deberá actualizar inicialmente o inventario municipal existente en formato electrónico. O adxudicatario será o responsable de manter actualizado este inventario para que en todo momento o Concello de Santiago poida consultalo e ter unha imaxe fiel e actual do estado das pistas ou calquera outra información que sexa de interese.

Hortas urbanas de Cotadero

O executivo municipal tamén deu luz verde á lista de 39 persoas solicitantes que obtiveron a autorización para o uso das hortas urbanas municipais de Cotaredo, así como da lista de agarda.

As convocatorias de autorización de uso das hortas urbanas están abertas a toda a veciñanza de Santiago con preferencia aquelas persoas con domicilio nun radio de 500 metros dende a horta de referencia e/ou maiores de 65 anos. A Comisión encargada de avaliar as solicitudes presentadas está presidida polo concelleiro de Parques e Xardíns, Xesús Domínguez, e formada polo encargado de xefe de Parques e Xardíns e o xefe da sección de Biodiversidade.

Compartir: