ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS

Ampliado ata o 10 de marzo o prazo para votar nos Orzamentos Participativos da Concellaría de Xuventude

02/03/2024 A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude vén de ampliar, ata o próximo día 10, o prazo para votar nos Orzamentos Participativos de Mocidade. Faino despois de ter constatado un repunte da participación no proceso nos últimos días, e diante da solicitude de varios centros educativos de habilitar puntos para a votación presencial. A día de hoxe xa se tén superado o número de persoas participantes con respecto a anteriores procesos de Orzamentos Participativos de Mocidade impulsados desde o Concello de Santiago.

O prazo para votar nos Orzamentos Participativos de Xuventude ficará aberto ata o próximo 10 de marzo ás 23:59 horas. A través da web decide.santiagodecompostela.gal poden participar todos os mozos e mozas de entre 16 e 30 anos que residan, traballen ou estuden en Santiago. No caso de non estaren empadronados ou empadronadas, será preciso remitir algún documento que acredite o vínculo con Compostela, como unha copia do carné de estudante, da matrícula, ou do contrato laboral. Ao longo da semana, o departamento de Xuventude instalará puntos para a votación en diferentes centros de ensino, que xa se involucraran tamén no proceso a través de obradoiros formativos na fase de recollida de propostas.

Máis dun cento de propostas
Para a fase da votación dos Orzamentos Participativos da Concellaría de Xuventude foron validadas un total de 103 propostas, distribuídas en 15 categorías: Festivais de música e algo máis; Arte urbano e expresións artísticas; Culturas; Cine; Ciencia, Coñecemento, saberes; emprendemento; Ecoloxía e sostibilidade; Economía circular; Gastronomía saudable; eMocidade; Práctica deportiva; Igualdade, diversidade e educación sexual; Inclusión; Saúde; e Dereitos dos animais.
Na fase de recollida presentáronse ata 280 propostas, pero moitas delas foron agrupadas porque eran coincidentes, e outras non cumprían os requisitos técnicos en canto á súa viabilidade, límite orzamentario ou competencia municipal. Na votación, cada persoa deberá seleccionar obrigatoriamente tres propostas, indicando o seu grao de preferencia.

Compartir: