CAPITAL CULTURAL

Josep Maria Pou chega este domingo ao Auditorio de Galicia con ‘El Padre’

01/03/2024 O actor catalán interpreta un home que pacede alzhéimer nesta adaptación ao castelán da exitosa obra de Florian Zeller. A representación terá lugar na Sala Ángel Brage a partir das 20.30 horas e as entradas poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do propio Auditorio.

O deterioro cognitivo provocado polo alzhéimer e a perda da conexión coa realidade saen á escena este domingo, día 3 de marzo, da man da obra teatral El Padre, un dos espectáculos máis agardados desta tempada escénica de Compostela Cultura. O Auditorio de Galicia acollerá a partir das 20.30 horas esta nova adaptación do orixinal Le Père, de Florian Zeller, que producen Focus e Teatre Romea e que dirixe Josep María Mestres. O actor catalán Josep Maria Pou encabeza un elenco do que tamén forman parte Cecilia Solaguren, Elvira Cuadrupani, Jorge Kent, Alberto Iglesias e Laura Grube.

A obra conta a historia de Andrés, un home de setenta e seis anos, culto, retranqueiro e testalán, que está a perder a memoria, pero que se resiste a aceptar ningún tipo de axuda e rexeita a todos os coidadores que a súa filla, Ana, tenta contratar. A medida que trata de dar sentido ás súas circunstancias cambiantes, Andrés empeza a dubidar dos seus seres queridos, da súa mente e mesmo da súa propia vivencia da realidade.

O texto, que o propio Zeller definiu como "farsa tráxica", harmoniza a abordaxe escénica desta espiñenta doenza con escenas de gran comicidade e foi adaptado con éxito en diversas ocasións, entre as que se contan a versión cinematográfica tamén dirixida por Zeller en 2020 que lle valeu a Anthony Hopkins o Óscar a mellor actor.

As entradas para o espectáculo poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19) e no do propio Auditorio (o día función dende unha hora antes do seu comezo).

Compartir: