PROMOCIÓN ECONÓMICA

125 persoas participarán no Proxecto Crear IV de inserción laboral

16/05/2007 A Concellaría de Promoción Económica e Emprego porá en marcha o 1 de xuño o Proxecto Crear IV. Este programa experimental, que ten un custo de 199.111,10 euros, será cofinanciado pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo. No Proxecto Crear IV poderán participar 125 usuarios, fronte aos 100 do Crear III, que remata o 30 de maio.

Está previsto que o Proxecto Crear IV remate o 31 de marzo do 2008. Os obxectivos fixados na resolución da Xunta de Galicia son de 44 insercións laborais, é dicir, o 35% dos usuarios. Esta cifra superouse amplamente no Crear III. A través deste programa, que conta con nove titores, a Concellería xa logrou que accederan ao mercado laboral, con contratos superiores aos seis meses, 56 dos 100 participantes, o 56% do total. 29 deles son mulleres, e 27 homes.

O obxectivo do Proxecto Crear é que accedan ao mercado laboral persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción: mulleres, mozos sen emprego anterior, desempregados de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados e mulleres e homes con algún tipo de discapacidade. Segundo a resolución da Consellería de Traballo, cando menos o 60% dos participantes deben ser preceptores de subsidios ou prestacións.

Itinerarios personalizados e prácticas

Os usuarios reciben formación e asesoramento para acadar un emprego axeitado ás súas expectativas e capacidades a través da posta en marcha de Itinerarios Personalizados de Inserción.

Despois dun primeiro contacto, os titores do programa realizan titorías personalizadas, onde os usuarios van perfilando o seu Plan Persoal de Inserción. Trátase dun itinerario adaptado ás súas expectativas, capacidades, potencialidades, aptitudes, experiencia, formación e preferencias. Unha vez concretado o Plan Persoal de Inserción, no que se definen os perfís profesionais das/os usuarias/os, desenvólvense obradoiros formativos á carta, orientados a mellorar as habilidades e posibilidades de inserción.

A terceira etapa é a de achegamento á empresa, con prácticas ocupacionais para os usuarios que carecen de experiencia, sensibilización do tecido empresarial e colaboración con axentes sociais. Tendo en conta os recursos destinados a emprego e a análise do mercado de traballo búscanse ofertas axeitadas aos perfís dos demandantes. Os participantes contan con talóns de desprazamento para que a asistencia aos cursos ou ás entrevistas de traballo non lles supoña un custo e un servizo de asesoramento e imaxe persoal. A cuarta é última fase do Proxecto Crear, a de seguimento das persoas que non conseguiron insertarse laboralmente e das que están traballando pero buscan mellorar as súas expectativas de emprego.

Compartir: