CONSORCIO

Concerto na Catedral dentro do "Compostela Organum Festival"

16/05/2007 O órgano da Catedral de Santiago, afeito a poñer música ás celebracións litúrxicas da basílica, ás grandes solemnidades ou as notas do Himno ao Apóstolo durante o voo do Botafumeiro, cambiará por un día a súa tarefa para deixar paso á música de Bach, Saint-Saëns, Liszt ou o coñecido "Claro de luna" de Debussy. Será nun novo concerto do "Compostela Organum Festival", o xoves 17 de maio, ás 21:00 horas.

Trátase dunha oportunidade única para gozar coas mellores composicións feitas polos grandes mestres do órgano nun contorno inmellorable, e todo da man dun dos organistas máis recoñecidos do panorama cultural de hoxe, Raúl Prieto, nova promesa presente xa nos mellores festivais de música. O concerto será gravado e editado posteriormente nun CD.

A tradición organística de Santiago atópase intimamente ligada ás celebracións litúrxicas da Catedral; de feito, a presenza do órgano na basílica remóntase ao século XIII, e está probada documentalmente a comezos do século XVI. Moitos foron os organeiros famosos que pasaron por ela, como Martínez de Montenegro, Mernies, Alaraz, Manuel da Viña ou Mariano Tafall, autor do mellor Tratado de Organería publicado en España no século XIX. O actual órgano da Catedral é resultado da fusión en 1978 dos dous órganos fabricados por Manuel de la Viña a comezos do século XVIII. As caixas foron talladas por Manuel de Romay en estilo barroco, sobresaíndo a súa disposición na parte central da nave maior.

O repertorio deste concerto repasa pezas de famosos compositores como Bach, Debussy, Saint-Saens ou Franz Liszt, que serán interpretadas por Raúl Prieto, organista titular da Basílica da Mercé de Barcelona e da Basílica de Santa María de Mataró (un dos órganos máis grandes de España). Gañador en dúas edicións do Concurso Nacional de Mocidades Musicais de España, a súa actividade concertística é moi ampla, con concertos nos principais festivais españois, e diversas gravacións para radio e televisión.

Raúl Prieto Ramírez está licenciado na Escola Superior de Música de Cataluña e gañou os premios fin de carreira con dúas Matrículas de Honor (proxecto final, baixo a dirección de Luca Chiantote, e órgano) cun exitoso concerto público que a crítica cualificou como "o mellor concerto en anos", ademais de gañar en competición entre os estudantes a beca Anna Riera.

Compartir: