FESTAS

Carrozas, comparsas e charangas encherán de música e cor as rúas de Compostela nunha nova edición das Festas do Entroido, que terán a De Vacas como pregoeiras

02/02/2024 O Entroido chega a Compostela e arrancará oficialmente o día 10 co desfile do Meco e o pregón, que este ano corre a cargo do grupo De Vacas. Seguirán varias xornadas de festa, charangas, música e moita diversión.

O Entroido arranca oficialmente en Compostela o sábado 10 de febreiro co tradicional desfile do Meco, que partirá ás 20.00 h da praza de Cervantes e irá acompañado polos Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas de Laraño ata chegar ao Pazo de Bendaña, onde quedará instalado ata o día 13. Dende o balcón escoitará, ao igual que todos os composteláns e compostelás que se acheguen ata a praza do Toural, o pregón de inicio das festas a cargo do cuarteto De Vacas. Previamente ao desfile do Meco, os Xenerais da Ulla abrirán boca co seus vivas e atranque cos que percorrerán as rúas da cidade entre as 18.30 e as 20.00 horas.

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, destacou a participación da veciñanza de Aríns, Marrozos, Angrois e O Eixo que "grazas á súa implicación fan grande a festa, así como a das entidades locais como Os Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño, Santa Compaña e Armatroulas de Laraño, Os Bandiños, a comparsa de Maruxas e Coralias e as Xeneraliñas da Semente neste tempo de diversión e entretemento con valores tradicionais propios de Santiago de Compostela".

Festival infantil de disfraces e animación nas rúas

O domingo 11 haberá animación de rúa dende as 10.30 horas coa comparsa Os Conformistas de Conxo e coa Batucada a cargo do Bloco da escola de Latexo a partir das 13 horas. Pola tarde tomará o relevo a comparsa A Ruliña de Laraño acompañada pola charanga Tíralle do Aire.

A cita central da xornada será o Festival Infantil de Disfraces que, como é habitual, se celebrará na Sala Capitol e no que poderá participar calquera neno ou nena menor de 14 anos, con entrada libre e inscrición previa (entre as 16.30 h e as 17.45 h). Haberá baile, sorteo de agasallos e concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella ou grupo. Os premios son doados por El Corte Inglés.

Os nenos e nenas serán tamén os protagonistas da proposta 'Mascarada Tour' a cargo de Nauta Teatro e Títeres Alakrán que percorrerán as rúas da cidade histórica de Santiago a partir das 18 horas. Tamén haberá pasarrúas coa charanga Santa Compaña e os Armatroulas de Laraño, dende a praza Roxa ata a rúa de San Pedro, e Os Bandiños acompañados da comparsa de Maruxas e Coralias que partirán do CSC da cidade histórica e rematarán na praza de Cervantes.

Martes de Entroido

O día grande do Entroido, o martes 13, traerá o agardado desfile de Entroido, que partirá da avenida de Ferrol ás 17.30 horas e que percorrerá a rúa de Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, rúa de República do Salvador, rúa do Hórreo, rúa da Senra e avenida de Xoán Carlos I. Ao remate do percorrido, os participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20 horas terá lugar a actuación dos Bregadiers, e, posteriormente, a entrega dos premios do desfile.

No desfile do Martes de Entroido vanse repartir preto de 14.000 euros en premios en seis categorías: carrozas, comparsas, grupos, mellor parella, mellor disfrace individual e mellor comparsa de parroquias ou barrios do Concello de Santiago.

Xa ao día seguinte, o mércores 14 de febreiro, Santiago despedirá o Entroido coa Queima do Meco na praza Roxa a partir das 21 horas, despois do seu desfile dende a praza do Toural pola rúa Nova, rúa do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador. Todas as persoas que o desexen que deberán vestir rigoroso loito para a ocasión.

Xenerais da Ulla

A programación complétase co Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla que o sábado 17 protagonizará o desfile das Xeneraliñas da Semente que sairán ás 12 horas dende Santa Clara e rematarán na praza de Cervantes, onde ser poderán escoitar os tradicionais vivas e atranques. Tamén haberá ocasión de vivilos nas parroquias de Marrozos (sábado 3), Angrois (domingo 4), Aríns (sábado 10) e no Eixo (domingo 11).

O propio día 17 de febreiro aínda se poderá desfrutar da festa cos Entroidos rurais en Compostela a partir das 18 horas e co Entroido de Conxo, cunha ampla programación ao longo de toda a xornada que inclúe pasarrúas, exposición concurso, sesión vermú, xantar e foliada entre outras actividades, con organización a cargo da Coordinadora de Festas Tradicionais do barrio.

Entroido nos Centros Socioculturais

Os Centros Socioculturais de Santiago súmanse á celebración do Entroido compostelán cunha variada oferta de actividades que foron presentadas a semana pasada polo concelleiro de CSC, Xan Duro.

Así, os centros socioculturais participarán un ano máis coa súa propia comparsa no desfile do Martes de Entroido, o 13 de febreiro. Desta vez, a temática elixida para os disfraces que se empezarán a preparar nos centros socioculturais é o "Roubín de Corazóns", de maneira que os veciños e veciñas que queiran apuntarse convertiránse en ladróns e ladroas que se dedicarán a roubar e a espallar amor. Esta comparsa volverá saír á rúa o sábado 17 de febreiro, para facer un percorrido pola cidade histórica. Ademais, o centro sociocultural de Conxo está a traballar na súa propia comparsa para o desfile do martes de Entroido, coa temática "Marchamos para outro mundo".

Relacionado coa figura dos Xenerais da Ulla, no centro sociocultural do Castiñeiriño traballarase na preparación dos disfraces dos chamados "Xeneraliños do Casti", así como nos atranques e nas coplas, para celebrar o carnaval cunha gran festa o venres 16 de febreiro. Será en colaboración coa asociación veciñal, e haberá tamén comparsas e concurso de filloas.

Nas Fontiñas, haberá obradoiros para preparar os disfraces de "Seres máxicos" cos que o centro sociocutural participará na chamada "Festa Rechamangueira" que se celebrará en Área Central o 10 de febreiro; e desde o centro Maruxa e Coralia da cidade histórica vólvese organizar varios obradoiros para prepara os disfraces para a comparsa dedicada ás irmáns Fandiño do luns 12 de febreiro.

Propostas nas redes sociais e obradoiros temáticos

Ademais de participar nas diferentes festas do Entroido, desde a rede de CSC anímase á veciñanza a celebrar o carnaval tamén na casa e a través das redes sociais. Dunha banda, volve a iniciativa de "O Meco manda nas redes", para que os veciños e veciñas sigan as instrucións que esta personaxe trasladará a través do Facebook e do Instagram dos CSCs entre o 5 e o 13 de febreiro, subindo as súas fotos e etiquetándoas cos cancelos #NoEntroidoPretoDeTi e #CentrosSocioculturaisPretoDeTi. Ademais, do 10 ao 17 de febreiro a cidadanía a compartir as fotos dos seus disfraces libres.

A programación do Entroido nos Centros Socioculturais complétase con diferentes obradoiros relacionados con esta festa. Así, haberá un taller sobre petiscos de Entroido, tanto para persoas adultas como para público familiar. No caso das persoas adultas, será nos locais de Sar, A Gracia, A Rocha, Nemenzo, O Romaño, Cardeal Quiroga, A Trisca e Vite. Os obradoiros de cociña para as familias serán en Marantes, Santa Marta, Fontiñas, Villestro, Maruxa e Coralia, A Peregrina e Pontepedriña. Tamén está previsto un obradoiro de chapeus e colas dos Xenerais da Ulla, dirixido a crianzas desde os 5 ata os 11 anos. Será o 15 de febreiro nos centros socioculturais de Santa Marta e Vite.

Tamén haberá cinco obradoiros de teatro improvisado baixo o título 'Polo Entroido fai comedia!', impartidos por Jorge Rey e que se desenvolverán nos centros de Pontepedriña (1 febreiro), Maruxa e Coralia (2 febreiro), Vite (3 febreiro), Santa Marta (6 febreiro), Figueiras (7 febreiro) e Fontiñas (8 febreiro); e o espectáculo de teatro improvisado 'Unha comedia de Entroido!' dirixido a un público familiar que se poderá ver no CSC de Conxo o 10 de febreiro, e no Romaño, o 17 de febreiro.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: