CURTOCIRCUÍTO

"Historia da arte" gaña o concurso de guións para curtametraxes Compostela Plató

16/05/2007 Unha historia na que se entrecruzan o mundo da arte moderna e a realidade das clases sociais máis humildes é a gañadora do Concurso de Guións para Curtametraxes Compostela Plató, unha das seccións oficiais do IV Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, Curtocircuíto 2007. "Historia da arte" propón unha reflexión sarcástica sobre a utilidade e a esencia do arte moderno e o seu alonxamento da realidade social.

O autor é o madrileño Javier Batanero, un artista multidisplinar cunha longa trayectoria profesional. Nela destaca a nominación aos premios Goya de 2000 como mellor actor revelación pola película "Leo", de José Luís Borau, papel polo que obtivo un Premio Ondas. Pertence ao grupo teatral Académica Palanca.

Dentro do total de guións recibidos, máis dun tercio estaban escritos en lingua galega, e a meirande parte dos guionistas apostaron porque foran as mulleres as protagonistas das súas historias. Son guións que abranguen dramas reflectidos en argumentos con temáticas de índole social, aínda que tamén as hai que teñen como fío condutor as historias de amor. Pódese observar tamén unha tendencia a escribir guións de bastante duración, case sempre a partir dos vinte minutos.

Cómpre salientar o elevado nivel dos traballos recibidos e a gran variedade de recursos audiovisuais que empreñan os guionistas á hora de contar historias. A pesar de que se arrisca nos formatos, a penas hai presenza de historias experimentais ou de videocreación.

118 guións

O prazo para enviar os guións rematara o 27 de abril. Na oficina do Festival recibíronse 118 guións. De entre todos eles, un xurado preseleccionou dez curtas finalistas. Destes dez saíu o gañador: "Historia da arte", de Javier Batanero.

A partir deste momento, o equipo de Curtocircuíto comeza a traballar na preprodución da curtametraxe do guión gañador, que se rodará a segunda semana do mes de xuño cun equipo formado, cando menos nun 60%, por profesionais galegos. A curta será estreada na Gala de Entrega de Premios que clausurará o festival o sábado 20 de outubro.

Promoción

Tal como aconteceu con "Quérote mal" (2005) e "Bechos raros (2006), o obxectivo do concurso non é só a produción do guión gañador, senón tamén a súa posterior distribución nunha ampla rede de festivais. Ademais, é un medio para promocionar a cidade de Santiago de Compostela como un escenario idóneo para rodar calquera tipo de historia. Á marxe do guión gañador, producido por Curtoricuíto, o festival ofrece os restantes nove guións finalistas ás produtoras coa fin de que poidan rodalos.

Na presentación do guión gañador, ademais do seu autor, Javier Batanero, estiveron o concelleiro de Turismo e responsable do Festival Curtocircuíto, Francisco Candela, o director da Área Sociocultural de Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias; Manuel González, da Consellería de Cultura; e a directora de Produción de Curtocircuíto, Mamen Quintas.

Compartir: