EDUCACIÓN

Do 31 de xaneiro ao 9 de febreiro estará aberto o prazo de inscrición no programa de conciliación de VacaLudos Semana Santa do Espazo María Miramontes

30/01/2024 A partir de mañá e ata o 9 de febreiro (ambos os dous inclusive) estará aberto o prazo de solicitude de praza para participar nas actividades do programa de conciliación VacaLudos de Semana Santa, que se desenvolverá no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes (Ludoteca das Fontiñas) os días 25, 26 27 de marzo e 1 de abril de 2024.

O programa VacaLudos Entroido ofrece un total de 73 prazas, dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos empadroados/as ou que estean matriculados/as nun centro de ensino no municipio de Santiago.

As actividades, que son de balde, desenvolveranse os días 25, 26 27 de marzo e 1 de abril en horario de 07:45 a 15:00 horas, e a solicitude de matrícula realizarase segundo as indicacións recollidas no documento ao pé desta información.

O Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes (Ludoteca das Fontiñas) está situado na Rúa Fontes do Sar, número 3, en Santiago de Compostela. Conta cunha superficie total construída de 1.080,50m2 e unha superficie útil de 730,63 m2, dividida en dúas plantas.

Ten unha finalidade lúdica, socioeducativa, cívica, cultural e inclusiva, cun proxecto cuxo obxectivo principal é garantir o dereito dos nenos e nenas ao xogo e a colaborar, así, no desenvolvemento integral da persoa, polo que está equipado cun fondo organizado de xogos, xoguetes, libros e outros elementos lúdicos adecuados á súa idade. Inclúen espazos psicomotrices, áreas de xogo simbólicas e tamén xogos multimedia.

Compartir: