EDUCACIÓN

O Espazo de lecer María Miramontes celebra o Entroido

25/01/2024 Un ano máis o Entroido forma parte da programación do Espazo de Lecer María Miramontes que lanza varios obradoiros temáticos e un desfile de disfraces para a cativada e as súas familias que percorrerá o barrio das Fontiñas o vindeiro sábado 10 de febreiro. O centro tamén inclúe no seu programa dos vindeiros meses os Sábados Abertos Temáticos dirixidos a un público familiar.

Este ano a temática do Entroido xira en torno aos elementos: terra, auga, lume e aire, que servirá como fío conductor para a caracterización e elaboración dos complementos na que a cativada traballará nos obradoiros coa axuda do persoal do Espazo Miramontes.

Os obradoiros temáticos terán lugar os días 27 de xaneiro ás 11:30 horas en quenda de mañá e ás 17:30 horas en quenda de tarde, e o 3 de febreiro ás 11:30 horas. Cómpre inscribrirse previamente na web do Espazo Miramontes.

O desfile de Entroido previsto para o sábado 10 de febreiro ás 17:30 horas, iniciarase no Centro Don Bosco, pasando polo CSC das Fontiñas e o parque exterior de Área Central. O percorrido rematará en Área Central cunha festa.

Será un desfile colectivo no que participarán diferentes entidades do barrio de San Pedro e das Fontiñas: o CSC das Fontiñas, Área Central, Construíndo o Barrio, Movemento pola Paz, o Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes e p Centro Don Bosco. Cada entidade organizará os seus propios obradoiros cos seus usuarios/as.

Sábados temáticos

O desfile de Entroido enmárcase dentro da proposta 'Sábados Abertos Temáticos' que o Espazo María Miramonte acollerá ao longo das seguintes semanas. Trátase de xornadas de lecer en familia nas que o centro propón actividades, obradoiros e festas tematizadas en función da época do ano ou das conmemoracións que se celebres. Esta iniciativa ten por obxectivo achegar o lecer educativo ás familas do concello dun xeito divertido e lúdico.

As actividades están dirixidas a nenos e nenas de entre 2 e 12 anos, empadroados ou que estean matriculados nun centro de ensino no municipio de Santiago, acompañados das súas familias.

Os próximos 'Sábados Aberto Temáticos' serán:

- 3 de febreiro: evento gastrocultural con exposición e degustación de comidas típicas da nosa infancia aportadas polas familias.
- 10 de febreiro: desfile de Entroido polo barrio das Fontiñas e festa final.
- 24 de febreiro: ludocinema en familia con proxección.
- 2 de marzo: 'Ludochef', un concurso de cociña en familia.
- 16 de marzo: 'Furor Furor', unha actividade para a toda a familia para cantar e bailar.

Direcciones relacionadas



Compartir: