EDUCACIÓN

Biblioteca "O coelliño branco": un espazo para formar novos lectores na Escola Municipal de Fontiñas

16/05/2007 A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, visitou a biblioteca da Escola Municipal de Fontiñas, que toma o nome do conto "O coelliño branco". O acto serviu para por de relevo o traballo que a editorial Kalandraka desenvolve co Concello de Santiago para a animación á lectura entre os composteláns.

A visita situábase no marco da celebración do Día das Letras Galegas. Xunto á concelleira estivo, en representación de Kalandraka, Xosé Ballesteros., e a directora da Escola Infantil Municipal de Fontiñas, Belén Álvarez. Todos destacaron a importancia de formar novos lectores dende pequenos grazas a espazos como este.

O acto contou cunha sesión de animación á lectura; a actuación dos nenos e nenas da escola e ao remate deste acto e o agasallo do libro "O coelliño branco" para cada familia asistente.

Esta biblioteca conta con mobiliario específico, información e asesoramento para as familias, fondo documental para nenos e nenas, equipo informático para o tratamento e consulta deste fondo bibliográfico e promoción do hábito lector.

Entre as actividades previstas contémplase unha sesión de animación á lectura ; a actuación dos nenos e nenas da escola e ao remate deste acto, haberá un pequeno refrixerio e o agasallo do libro O Coelliño Branco para cada familia asistente.

O nome de "O coelliño branco" para esta biblioteca é posible pola colaboración do ilustrador Oscar Villán Seoane, Premio Nacional de Ilustración 1999, que autorizou a utilización da imaxe gráfica creada por el para a edición deste conto pola editorial Kalandraka..

A Editorial Kalandraka sumouse a esta iniciativa desenvolvendo a partir deste momento diferentes actividades que van permitir dinamizar a animación á lectura entre os composteláns e moi especialmente, dos nenos e nenas e familias da Escola Infantil Municipal das Fontiñas.

Compartir: