DEREITOS DOS ANIMAIS

O Concello inviste 40.000 euros en melloras no Refuxio de Bando

18/01/2024 O Goberno municipal porá o foco na sensibilización cidadá para a prevención de abandonos de animais, tras o elevado incremento de entradas de cans e gatos o pasado ano, ademais de realizar obras para a mellora das instalacións.

O Concello de Santiago destina unha partida de 40.000 euros para a mellora das instalacións, que na actualidade acollen un total de 270 cans e 270 gatos, dos que 82 se atopan en casas de acollida temporal. O Refuxio de Bando, que ten a singularidade de ser o único da contorna que atende gatos e gatas, recibiu o pasado mes de xuño 169 animais, a cifra máis elevada da súa historia.

En concreto, a intervención que se está a realizar consiste na construción de tres novos parques de recreo para cans e dous novos patios para os gatos; o arranxo de portas; a habilitación de catro canís para animais maiores, enfermos e cachorros así como diversas reparacións de mantemento.

O concelleiro de Dereitos dos Animais, Xesús Domínguez, fixo un chamamento á implicación de todas as administracións que integran o Refuxio de Bando, "tanto na achega de recursos humanos como económicos, para facer sustentable a xestión destas instalacións e do servizo que prestan para o coidado dos animais".

Xesús Domínguez sinalou que tanto a dirección do Refuxio como o propio Concello están facendo xestións para procurar a colaboración con outras entidades e empresas do sector, como farmacias e clínicas veterinarias, para buscar sinerxías e facilitar a súa contribución a mellorar a situación actual.

"Insistimos na necesidade de concienciar a veciñanza para evitar o abandono de animais e tamén en dar a coñecer que as persoas que queiran adoptar un can ou un gato poden acudir ao Refuxio de Animais de Bando ou pórse en contacto a través da información que figura na súa páxina web, onde están as fichas con fotos e características dos animais para a súa adopción", engadiu o concelleiro.

Compartir: