IGUALDADE

O Concello de Santiago reactiva a Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de Xénero

18/01/2024 Tras cinco anos de parón, a Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero reuniuse de novo esta mañá no Pazo de Raxoi co obxectivo de facer unha diagnose da situación actual da violencia de xénero no Concello de Santiago. Á xuntanza, que estivo presidida pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, asistiron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, representantes dos distintos servizos municipais, asociacións e membros dos corpos e forzas de seguridade, que acordaron acordaron a creación de dúas comisións para reforzar o seguimento técnico e os labores de prevención neste ámbito.

A alcaldesa destacou como "unha boa nova" a reactivación desta mesa xa que permite a colaboración "entre as distintas administracións, o tecido asocitivo, os corpos e forzas de seguridade, xulgados, sector sanitario, e todas as persoas que teñen algo que dicir, non só en relación á situacións nas que se produce violencia de xénero se non tamén nos labores da prevención". Tamén recordou que só nesta semana se rexistraron 3 casos de violencia machista no Concello, o que "nos reafirma na urxencia de reforzar a coordinación entre as distintas administracións e entidades involucradas na actuación fronte á violencia de xénero".

A rexedora detallou que a Mesa, que leva sen convocarse desde o ano 2018, volve poñerse en marcha "cunha nova visión, máis contido e máis traballo regular" e coa vontade de convocala, "como mínimo, semestralmente".

Pola súa banda, a subdelegada da Coruña, María Rivas, congratulouse da reactivación da Mesa, xa que "é unha ferramenta fundamental na loita contra a violencia machista" e detallou que na actualidade hai "39 Mesas de coordinación interinstitucional na provincia da Coruña". María Rivas salientou que se trata dunha ferramenta "útil que ten un verdadeiro impacto na vida da cidadanía, especialmente na das vítimas da violencia de xénero" e e recordou que "na nosa provincia 2.200 mulleres precisan de algún tipo de protección para facer a sú avida con certa normalidade".

Esta primeira xuntanza do 2024, serviu para poñer en común os datos sobre violencia de xénero do último ano do concello, tanto desde a perspectiva do traballo que se realiza desde o CIM como desde o equipo VioXen da Policía Local, así como os facilitados pola Delegación do Goberno para facer unha mellor diagnose da situación actual en Santiago.

Tamén se acordou a creación de dúas comisións de traballo, unha centrada no ámbito da prevención da violencia de xénero, e unha segunda de seguimento, na que o persoal técnico dos distintos servizos e institucións representadas poidan tratar aspectos máis técnicos relativos á coordinación arredor dos distitnos casos que tratan. Durante a xuntanza, o Concello tamén presentou o Protocolo para a abordaxe das violencias sexuais e LGTBIfóbicas no ocio nocturno que está xa en funcionamento desde o mes de decembro.

Compartir: