LINGUA

Arranca unha nova edición do Club de Debate que contará coa participación de catro equipos composteláns

18/01/2024 O Concello de Rois acolle a primeira xornada de formación en comunicación e documentación dirixida ao alumnado participante nesta iniciativa que este ano contará coa participación de catro equipos composteláns, todos eles do Colexio La Salle. O Club de Debate é unha actividade promovida polo Concello de Santiago xunto con outros dez municipios co obxectivo de favorecer o uso do galego oral entre a rapazada de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato.

Onte, 17 de xaneiro, deu comezo unha nova edición do Club de Debate cunha primeira xornada de formación en habilidades comunicativas que tivo lugar no dificio Multiusos de Rois dirixido ao alumnado dos concellos participantes da zona centro do país. O 16 de xaneiro celebrarase unha nova formación en Pontevedra para o alumnado dos concellos da zona sur e o xoves 18 outra en Ferrol.

Durante esta xornada, o alumnado co profesorado acompañante aprendeu e albiscou novas ferramentas comunicativas e de documentación para debater do mellor xeito posible, coa lingua galega como vehículo.

Club de Debate

O Club de Debate é unha actividade promovida polos concellos de Santiago de Compostela, Pontevedra, Ames, Carballo, Ferrol, Narón, Ribeira, Rois, Santa Comba, Teo e Val do Dubra. En total están inscritos 22 equipos formados por estudantes de 3, 4º de ESO e 1º de Bacharelato dos seguintes centros: IES Frei Martín Sarmiento, CPR Plurilingüe Calasancio e IES Luís Seoane (Pontevedra); IES Camilo José Cela e CPI dos Dices (Rois); IES de Cacheiras (Teo); CPR Santiago Apóstol e IES Terra de Trasancos (Narón); IES Canido, IES Concepción Arenal e IES Saturnino Montojo (Ferrol); Colexio La Salle (Santiago de Compostela); IES Monte Neme (Carballo); IES Terra de Xallas (Santa Comba) e CPI de Bembibre (Val do Dubra).

Os 22 equipos equipos repartiranse nas tres xornadas de debates da fase clasificatoria, que se desenvolverá no concello de Santa Comba os días 27, 28 e 29 de febrero co tema "Débense prohibir os móbiles nos institutos". Os dous equipos mellor clasificados en cada xornada participarán na fase final, no Val do Dubra o sábado 13 de abril.

O Club de Debate está dirixido a rapaces e rapazas de 3º e 4º de ESO, 1º de bacharelato ou dos ciclos formativos que comprendan as mesmas idades en equipos mixtos e compostos por un mínimo de 4 e un máximo de 10 membros mais a persoa preparadora (docente, PAS…). Con este programa preténdese favorecer o uso do galego oral en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia que se xera). Os contidos que se traballan teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre o(s) tema(s) dos debates que achega nocións, datos e argumentos. Teñen moita importancia no programa o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte á diversidade de opinións e do traballo en equipo.

Compartir: