CAPITAL CULTURAL

O Auditorio de Galicia acolle a representación, por primeira vez en 65 anos, de ‘Miñatos de Vran’, zarzuela galega do mestre Vide e libreto de Otero Pedrayo

18/01/2024 A peza, estreada na Habana 1928 e só representada de novo en 1959, chegará este domingo 21 de xaneiro ás 19.00 horas ao Auditorio de Galicia tras o seu paso polo Auditorio de Vilagarcía mañá venres. Nesta nova produción escenificada participan a Banda Municipal de Música de Santiago, o Coro da Asociación Liceo de Vilagarcía, Troyanos de Compostela e varias voces solistas. David Fiuza encárgase da dirección musical, mentres que José Álvarez é o director de escena e Josefa Dorado, directora coral.

A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela mobilizará 135 persoas entre persoal técnico e artístico para levar a escena Miñatos de Vran, zarzuela galega do mestre José Fernández Vide con libreto asinado por Ramón Otero Pedrayo. Esta peza, que se estreou na Habana en 1928 e só se volveu representar de novo en 1959, reunirá en escena a Banda de Música Municipal de Santiago, o Coro Liceo de Vilagarcía, un cadro composto por 25 actores e actrices e os Troyanos de Compostela para traer esta histórica peza ao século XXI.

A montaxe poderase ver este domingo ás 19.00 horas no Auditorio de Galicia, tras o seu paso polo Auditorio de Vilagarcía mañá, venres. Así o explicaron esta mañá a concelleira de Capital Cultural de Santiago, Miriam Louzao; David Fiuza, director da Banda Municipal de Música de Santiago, e Javier Jurado, músicólogo e investigador da zarzuela galega, nunha rolda de prensa na que tamén asistiron; Benigno Amor, en representación de Troyanos de Compostela, Tamara Casás, membro do Coro Liceo de Vilagarcía e Jesús Couceiro, presidente de Amigos da Ópera de Santiago, entidade produtora do espectáculo.

Míriam Louzao destacou a colaboración entre as diferentes entidades que forman parte do proxecto, xa que "é o camiño ideal para ofrecerlle o mellor ao público e unha forma marabillosa de traballar" e puxo en valor o "traballo de recuperación do patrimonio musical galego". A edila fixo tamén un chamamento de asistencia lembrando que é unha zarzuela "que non se representa desde hai 65 anos" polo que é "unha cita das que non se pode perder".

Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, que conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Vilagarcía de Arousa e o Concello de Santiago de Compostela, recuperará así unha obra que só se puido ver en dúas ocasións o pasado século. Na versión orixinal, o libreto pertencía a Enrique Zas, mais o seu extravío forzou que tres décadas despois Otero Pedrayo fose o encargado de reelaboralo para a súa posta en escena en Ourense. Neste 2024, Amigos da Ópera impulsa a reestrea na época actual con estas dúas citas.

Obra coral e sinopse

Ao longo da rolda de prensa, adiantáronse aspectos artísticos e mais temáticos do que o público poderá ver en Miñatos de vran. Dende o punto de vista técnico, destacouse a complexidade e

variedade da montaxe, que se divide en tres actos, que conta con 30 personaxes con texto e que se constitúe de 13 composicións musicais, entre coros, dúos, solos e intervencións do coro. O equipo en conxunto –que inclúe como solistas as sopranos Patricia Rodríguez e Tamara Casás, os tenores Diego Neira e José L. Prado e os barítonos Gabriel Alonso e Julio Cores- dedicou seis meses á preparación da montaxe. David Fiuza encárgase da dirección musical, José Álvarez da dirección escénica, Josefa Dorado da dirección coral e Sergio Rodríguez dos arranxos.

A acción de Miñatos de vran desenvólvese nunha vila galega de pescadores e labradores no noroeste de Galicia, posiblemente inspirada en Ribeira, lugar de vacacións para os señoritos (os "miñatos"), e nas rúas de Santiago onde van estudar os señoritos da vila. Narra, como acontece en moitas obras do xénero zarzuelístico e operístico, a difícil historia de amor dun mariñeiro, Manuel, namorado en segredo da bela Maripepa, tamén pretendida por Carlitos, veraneante madrileño, e por Eduardo, señorito da vila e estudante de medicina. A estrutura, en tres actos, ten por distintos escenarios unha vila galega pesqueira, no primeiro e terceiro acto. O segundo acto ten lugar nunha rúa con soportais e nunha taberna clásica, en Santiago de Compostela. Javier Jurado publicou na editorial Galaxia a finais de 2022 unha edición do texto de Miñatos de Vran.

Direcciones relacionadas



Compartir: