TURISMO

O Aeroporto de Santiago supera por vez primeira os tres millóns e medio de pasaxeiros e pasaxeiras

17/01/2024 O Rosalía de Castro aumentou o tráfico en 300.000 persoas respecto do 2022, cun crecemento do 9,2%.

O Aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro conseguiu marcar un novo máximo histórico no 2023, chegando aos 3.537.445 pasaxeiros e pasaxeiras. Este dato supón un crecemento do 9,2% respecto do ano 2022 e consolida a reactivación plena da infraestrutura tras a pandemia da Covid-19 e o seu posicionamento como o aeroporto galego de referencia.

O crecemento do aeroporto apoiuse tanto no incremento do tráfico nas rutas domésticas como nas internacionais. O tráfico nas rutas domésticas subiu un 8,7% ata os 2.681.768 pasaxeiros e pasaxeiras. E o tráfico internacional continuou coa súa forte tendencia crecente, cun aumento do 10,9%, para chegar ata os 842.759.

O incremento de tráfico do 9,2% no 2023 produciuse a pesar de que o crecemento no número de operacións foi inferior, situándose no 1,7%. Este feito indica que, en xeral, aumentou o nivel de ocupación das diferentes rutas que operan no Aeroporto de Santiago, un paso necesario para que as compañías consoliden a súa aposta pola infraestrutura.
Ademais, con estes datos, o Rosalía de Castro consolídase como o aeroporto con mellor comportamento dende a pandemia do coronavirus de entre as principais terminais da rede de AENA. O aeroporto de Santiago é o que acumula o maior incremento de tráfico dende o 2019 de todos os que teñen máis de 3.000.000 de pasaxeiros e pasaxeiras. En concreto, dende o 2019 gañou un 21,8% de tráfico, un crecemento moi superior á media de AENA, que foi do 2,9%.

Os datos do aeroporto son consistentes cos datos da demanda turística na cidade xeral na cidade. Así, a falta de que o INE publique os datos correspondentes ao mes de decembro, pode estimarse que o número de pernoctacións marcará un novo máximo histórico rondando por primeira vez o 1.600.000.

Dende Turismo de Santiago considérase que estes datos avalan as políticas de promoción da cidade que se están a facer dende a entidade municipal, apostando por diversificar a demanda internacional e focalizando a promoción na condición de Patrimonio da Humanidade e destino gastronómico, cultural e universitario, entre outros atractivos, que vai moito máis alá do fenómeno Xacobeo.

Compartir: