MEDIO AMBIENTE

Cen árbores máis para reducir o impacto do cambio climático en Santiago de Compostela

13/01/2024 As concellerías de Deportes e de Parques, en colaboración co equipo Luis Penido Rally Team, organizaron a plantación de 100 árbores para repoñer carballos da alameda e de distintas zonas verdes de Santiago de Compostela, co obxectivo de sensibilizar sobre a necesidade de mitigar o cambio climático e compensar o impacto ambiental.

No acto de plantación, a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, lembrou que é un compromiso do Goberno local incrementar o número de árbores para potenciar a renaturalización de espazos urbanos en Santiago de Compostela e destacou que "este é un exemplo de traballo en colaboración con entidades deportivas preocupadas por conseguir que Santiago de Compostela teña maior calidade ambiental, porque o incremento e a reposición de árbores van acordes aos principios da práctica saudable do deporte para o benestar da veciñanza".

"Queremos que a práctica deportiva contribúa a fomentar hábitos de vida saudables entre a poboación, constitúe unha alternativa no tempo de lecer que facilita o contacto entre veciñas e veciños, o coñecemento das realidades máis próximas e fomenta valores de esforzo, respecto e amizade, ao que queremos engadir esta aposta por mellorar a sensibilidade ambiental para favorece un futuro mellor para as xeracións vindeiras", explicou Lueiro.

Pola súa parte, o concelleiro de Parques Xesús Domínguez, anunciou que logo desta plantación inicial o resto das árbores doadas polo Luis Penido Rally Team se porán na carballeira de San Lourenzo e noutros parques que precisan de plantas para a súa reposición.

Xesús Domínguez indicou que "esta actividade de plantación de árbores permite adaptar a cidade para os efectos do cambio climático e mellorar o confort térmico, coa renaturalización de espazos urbanos mediante o incremento do número de árbores de árbores de sombra, para mellorar o benestar e a regulación térmica en todas as estacións do ano".

O piloto compostelán Luis Penido, comentou que "no noso equipo móvenos a paixón; a paixón polo deporte, a paixón pola competición, a paixón pola honestidade e o traballo en equipo e, como non, a paixón pola nosa terra e por levar o nome de Compostela e de Galicia alá onde competimos".

Pola súa banda, Daniel Blanco, director deportivo do equipo resaltou que "para o Luis Penido Rally Team a Responsabilidade Social Corporativa é algo que realmente nos importa". "Cremos necesario dar exemplo e devolverlle á sociedade parte do que nos dan os seareiros e seareiras para implicarnos en temas de relevancia como a preservación do medio ambiente", indicou. "Desta responsabilidade naceu o noso compromiso por acadar a pegada de carbono 0, intentando compensar as emisións derivadas das nosas participacións por Europa e España adiante", engadiu.

Compartir: