CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Concello premia as persoas máis lectoras das bibliotecas municipais

11/01/2024 Con motivo do Día das Persoas Usuarias das Bibliotecas en Galicia, este 11 de xaneiro, o Concello de Santiago premiou esta tarde as persoas lectoras máis activas das bibliotecas dos Centros Socioculturais de Vite, Conxo, Fontiñas e Santa Marta, tanto por libre como no marco da iniciativa '12 meses, 12 libros'. O acto de entrega de premios estivo presidido pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e contaou coa presenza do concelleiro de CSC, Xan Duro, e de varios membros da Corporación municipal.

Durante a cerimonia, que tivo lugar no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, o Concello premiou as persoas que colleron máis libros ao longo do ano 2023 nas catro salas de lectura da Rede de Bibliotecas José Saramago dos CSC de Santiago, tanto na categorías infantil como adulta.

Así, na categoría infantil, foron premiadas Vera Rodríguez Villaverde, con 103 préstamos no CSC de Fontiñas; Vega Rodríguez da Silva, con 83 préstamos no CSC de Santa Marta; Hugo Rodríguez Furelos, con 90 préstamos no CSC de Vite, e Nahia Sánchez Balado, con 92 préstamos no CSC de Conxo.

Con respecto á categoría adulta, os recoñecementos foron para Antón Segade Mato, con 64 préstamos no CSC de Fontiñas; Xosé Ramón Agrelo Roo, con 60 préstamos no CSC de Santa Marta; María Soledad Casal Devesa, con 62 préstamos, na no CSC de Vite, e Edita Álvarez Silva, con 60 préstamos, no CSC de Conxo.

Como recompensa, todas as persoas premiadas convertiranse en socias de honra no programa Koha de préstamos ao longo deste ano 2024, o que lles permitirá aumentar o número de libros que poden levar en cada préstamo ata 10, en lugar de 5 e ata 6 en material audiovisual, en vez de 2.

Ademais, pola súa participación e implicación na iniciativa '12 meses 12 libros', que xa vai pola cuarta edición, fíxoselle un recoñecemento especial na categoría adulta a Leonila Romero Ares, usuaria da sala de lectura do CSC de Fontiñas, que que estivo desde o principio, e en infantil, a Flavia Lago García, tamén do CSC de Fontiñas, que se uniu na segunda edición.

Libros máis lidos no 2023

Entre os libros máis lidos este ano en categoría infantil temos en primeiro lugar os libros da saga Policán, en segundo lugar os de Osito Tito e en terceiro os de Diario de Greg.

Na categoría de persoas adultas, o libro máis lido foi 'La Bestia' de Carmen Mola, seguido por 'Golpes de luz' de Ledicia Costas, en lingua galega. En terceiro lugar hai un empate entre 'Azucre' de Bibiana Candia e "Invisibles" de Eloy Moreno.

En total, colléronse un total de 12.916 préstamos en 2023 nas catro bibliotecas que forman parte da Rede: 1.869 en Conxo, 4.526 en Fontiñas, 5.085 en Santa Marta e 1.436 en Vite.

Outras cifras

As catro salas de lectura que conforman a Rede de Bibliotecas José Saramago, albergan un total de 52.011 exemplares, dos que 2.546 foron incorporados en 2023. As catro bibliotecas contan cun total de 6.156 persoas socias, das que se atopa á cabeza o CSC de Fontiñas, con 4.064 carnés, seguido de Santa Marta con 1.131, Vite con 488 e Conxo con 473.

Ademais, a media de persoas usuarias por mes é de 1481 en Fontiñas, 1.240 en Santa Marta, 741 en Conxo e 403 en Vite.

12 meses, 12 libros

Neste 2024 a Rede arranca a cuarta edición da iniciativa '12 meses 12 libros' para o fomento da lectura, que conta cun seguimento de arredor de 90 persoas usuarias entre as categorías de infantil e adulta.

As persoas poden unirse ao reto en calquera momento do ano, achegándose por unha das salas de lectura, pedindo o pasaporte e selando mes a mes as lecturas das temáticas propostas.

Ademais a biblioteca continuará co seu programa habitual de actividades que inclúe clubes de lectura, obradoiros de contos, ou campañas para o fomento dos libros dirixidas tanto a persoas maiores como a un público infantil/xuvenil.

Compartir: