TURISMO

Turismo de Santiago presenta a Compostela ante a prensa e os turoperadores irlandeses

15/05/2007 A Empresa Municipal de Turismo compostelá, en colaboración coa Oficina Española de Turismo de Dublín e Aer Lingus, ofreceu unha presentación-almorzo en Dublín para promover a viaxe a Compostela cos voos directos que operan desde Lavacolla.

O evento, que tivo lugar o martes 15 no Fitzwilliam Hotel da capital irlandesa, reuniu a representantes de dez medios irlandeses, como "Irish Independent", "The Irish Times" e a televisión dublinesa, e 20 turoperadores que ofrecen xa a España como destino turístico, e planean facelo pronto con Galicia.

Trala benvida ofrecida por José Manuel de Juan, director da OET de Dublín, o xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, fixo un percorrido polos atractivos da capital galega para os turistas irlandeses, con énfase no seu carácter de centro multicultural, na súa gastronomía e nos novos produtos que a empresa municipal de turismo consolidou para esta temporada, como as visitas guiadas en inglés, os percorridos temáticos polos conventos, a cidade nocturna ou o mercado e as excursións de Compostela Visión por Galicia, entre outros.

Pola súa parte, a directora de vendas de Aer Lingus para Europa, Charlotte Moran, destacou a mellora da accesibilidade aérea que ven experimentando Lavacolla, e que a liña irlandesa aproveitou para implantar dous voos semanais entre Dublín e Santiago, que operan sábados e martes dende a pasada Semana Santa.

Gaztelumendi concluíu a presentación lembrando aos asistentes que na actualidade os visitantes estranxeiros representan case a metade do fluxo turístico cara a Compostela, e que, de acordo con estudos do CETUR, o 91% ten intencións de volver.

Compartir: