FESTAS

Os Reis Magos repartiron ilusión na Cabalgata ‘A Estrela de Nadal’

05/01/2024 'A Estrela do Nadal' foi o lema dunha nova edición da Cabalgata de Reis, que encheu as rúas de Compostela de fantasía, personaxes variados e moitas sorpresas. Preto de 500 persoas participaron nun desfile dinámico e participativo que partiu da praza de Nosa Señora da Mercé e na que se repartiron 1400 quilos de caramelos. Os Reis Magos foron recibidos na praza do Obradoiro pola alcaldesa e a Corporación municipal, e escoitaron os desexos dos nenos e nenas que se achegaron ata o Pazo de Raxoi.

Este ano, as carrozas dos tres Reis Magos estiveron coroadas pola estrela de oito puntas de Compostela e escoltadas polas carruaxes do carteiro e heraldos reais e por outra chea de agasallos. Formaron parte da comitiva un desfile de príncipes e princesas hindúes, criaturas máxicas do bosque e personaxes Disney así como dous trens turísticos coas familias que o solicitaron. Ademais, tamén danzaron polas rúas animais inchables cheos de luz, acróbatas, músicos, zancudos e ata transformers mecánicos.

Gaspar, Melchor e Baltasar saíron ás 17 horas da praza de Nosa Señora da Mercé de Conxo cara a praza Roxa e percorreron o Ensanche compostelán ata chegar a unha praza de Galicia ateigada de cativada. A comitiva recalou sobre as 18:30 horas na praza do Obradoiro onde as Súas Maxestades foron recibidas pola alcaldesa e por varios membros da Corporación municipal.

Os Reis Magos saudaron e dedicaron unhas palabras á cativada congregada na praza desde o balcón do Pazo de Raxoi e pasaron a continuación o Salón Vermello onde recibiron e escoitaron as peticións e desexos das nenas e nenos que se achegaron ao Concello.

Espectáculos artísticos diversos

Da posta en escena desta Cabalgata encargáronse preto de 500 persoas, entre grupos profesionais, asociacións veciñais colaboradoras e persoas voluntarias. Participaron diversas agrupacións artísticas con espectáculos de diferentes temáticas, moitos deles deseñados e dirixidos para a ocasión. Entres elas estiveron a Banda de Tambores e Cornetas e a Banda Cofradía Vera Cruz; compañías como Culturactiva, os Quinquilláns ou Pista Catro; ou as asociacións A Ruliña de Laraño e Don Bosco, entre outras.

As familias que se achegaron á praza do Obradoiro tamén pudieron gozar dunha chocolatada con churros ofrecida polo Concello de Santiago. Tamén se repartiron 1.400 quilos de caramelos.

Compartir: