EDUCACIÓN

Case 150 nenos e nenas participan nas actividades de conciliación da Ludoteca das Fontiñas durante as vacacións de Nadal

28/12/2023 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Educación, Míriam Louzao, visitaron esta mañá o Espazo de Lecer María Miramontes no que desde o comezo das vacacións, 146 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, asisten ao programa de conciliación VacaLudos Nadal con actividades ambientadas este ano no conto "Alicia no país das marabillas".

Goretti Sanmartín e Míriam Louzao achegáronse esta mañá ao Espazo de Lecer María Miramontes no barrio das Fontiñas onde se está a desenvolver o programa VacaLudos Nadal de actividades de conciliación, dividido en dúas quendas: a primeira, o 22, 26, 27 28 e 29 de decembro; e a segunda cubrirá o 2, 3, 4 e o 5 de decembro, ambas en horario de 07:45 a 15:00 horas.

A temática deste Nadal esta ambientada no conto "Alicia no país das marabillas". A través desta obra, os nenos en nenas acompañarán a Alicia na súa viaxe neste raro e divertido mundo. Esta programación ten como principal obxectivo promover a aprendizaxe cooperativa e a socialización a través do xogo empregando as aventuras dunha curiosa, creativa e inocente Alicia.

A dinámica diaria comeza coa representación dunha parte do conto polo equipo de monitores e monitoras que dará pé ao resto de contidos da xornada que contará con xogos de activación para estimular a actividade física e mental dos nenos e nenas, grandes xogos e obradoiros de creación. Algunhas das actividades que se están a desenvolver estes días arredor da historia de Alicia son: os xogos de puntería "Ás cartas Soldado!", obradoiros para a creación do chapeu do Sombrereiro Tolo, a pirámide da Raíña de Corazóns, conseguindo o sorriso de Cheshire, etc.

Ludoteca de Fontiñas

Situada na rúa Fontes do Sar, o Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes ou Ludoteca das Fontiñas, conta cunha superficie total construída de 1.080,50m2 e unha superficie útil de 730,63 m2, dividida en dúas plantas. Ten unha finalidade lúdica, socioeducativa, cívica, cultural e inclusiva, cun proxecto cuxo obxectivo principal é garantir o dereito dos nenos e nenas ao xogo e a colaborar, así, no desenvolvemento integral da persoa, polo que está equipado cun fondo organizado de xogos, xoguetes, libros e outros elementos lúdicos adecuados á súa idade. Inclúen espazos psicomotrices, áreas de xogo simbólicas e tamén xogos multimedia.

Direcciones relacionadas



Compartir: