COMERCIO E RELACIÓNS VECIÑAIS

Mañá ábrese o prazo de inscrición para participar no concurso de escaparates de Nadal

27/12/2023 O BOP acaba de publicar as bases da convocatoria do concurso de escaparatismo de Nadal, cuxo prazo de inscrición estará aberto desde mañá, 28 de decembro, ata o 2 de xaneiro. O obxectivo desta iniciativa é animar aos establecementos da cidade a atraer máis clientela e aumentar o consumo no comercio local durante as Festas do Nadal.

O Concello de Santiago lanza un ano máis o concurso de escaparates de Nadal co obxecto de promover a creatividade dos comerciantes á hora de presentar os seus escaparates contribuíndo así ao incremento do consumo no comercio local, nesta época tan importante para o sector.

A temática que deben desenvolver será o Nadal, con total liberdade en canto á súa interpretación e estilo. O xurado valorará os escaparates participantes no seu conxunto, pola súa capacidade de atracción e xeración do desexo de compra, calidade, composición, deseño, orixinalidade e o emprego de elementos propios do obxecto de venda da actividade e materiais de refugallo.

En total, o xurado concederá premios aos seis escaparates mellor decorados, con contías económicas de 2.000, 1.500, 1.200, 1.000, 750 e 500 euros, respectivamente.

Inscrición

O prazo de presentación a concurso abrirase mañá, 28 de decembro, e estenderase ata o 2 de xaneiro.

Os establecementos interesados deberán presentar obrigatoriamente a solicitude de participación no concurso por medios electrónicos, a través do formulario correspondente. A solicitude debe presentarse na sede electrónica do Concello de Santiago (sede.santiagodecompostela.gal) a través o trámite "Solicitude de subvención" dentro do catálogo de trámites dispoñible.

Os participantes deberán enviar dúas fotografías do escaparate ao correo comercio@santiagodecompostela.gal, antes do 2 de xaneiro.

Concurso de Decoración de Nadal Veciñal

O Concello de Santiago tamén premiará ás mellores composicións decorativas en fachadas, balcóns e xardíns de vivendas particulares do Concello. As catro mellores propostas recibirán un premio de 500 euros cada unha.

A veciñanza inscrita no Concurso de Nadal Veciñal, cuxo prazo de inscrición xa está pechado, deberá ter exposta a decoración ata o día 6 de xaneiro. Para elixir os gañadores, o xurado valorará a creatividade dos concursantes en base aos criterios de composición e deseño, a orixinalidade e a elaboración propia. Tamén se terá en conta a utilización da iluminación como foco de atracción e o uso de materiais de refugallo.

Documentos relacionados



Compartir: