XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o expediente de contratación das obras para a reurbanización da rúa do Pombal

26/12/2023 O executivo municipal deu luz verde esta mañá ao inicio do expediente de contratación das obras de reurbanización da rúa do Pombal, cun importe base de licitación de 762.991,01 €. Tamén se aprobou de xeito definitivo o proxecto básico e de execución do parque infantil no espazo socioeducativo de Rial no lugar de Reibó (parroquia de Laraño) ao abeiro do Programa POS+ 2022 da Deputación Provincial da Coruña, cun orzamento de 124.999,99 euros.

A Xunta de Goberno local acordou esta mañá aprobar o expediente que ten por obxecto a licitación das obras de reurbanización da rúa do Pombal, para o que se abrirá un procedemento aberto de adxudicación, cun orzamento base de 762.991,01 € (base impoñible de 630.571,08 € máis IVE do 21% polo importe de 132.419,93 €).

Esta intervención, que terá unha duración estimada de 8 meses, levarase a cabo no treito da rúa do Pombal comprendido entre o cruzamento coa rúa Campiño da Ferradura e a intersección coa travesía do Cruceiro do Galo.

Esta reurbanización suporá unha ampliación da beirarrúa próxima ás edificacións, a colocación de pasos peonís elevados para a redución da velocidade do tráfico rodado e a renovación e dotación de servizos urbanos: abastecemento de auga e rego, saneamento, alumeado público, gas natural e telecomunicacións.

Para a calzada empregarase formigón pulido e a para a beirarrúa xunto ás edificacións, un novo pavimento de cantería granítica. Dentro dela, instalaranse novos elementos de mobiliario urbano (xardineiras, asentos, papeleiras e farois) para xerar así unha liña de protección descontinua entre o tráfico rodado e os peóns. Na beirarrúa oposta, a carón do muro, colocarase un bordo de pedra granítica para separala da calzada.

Na zona central da vía, onde a beirarrúa alcanza un ancho de 3,10 metros, habilitaranse zonas de carga e descarga diferenciadas en despezamento e textura de pavimento granítico.

Ademais, durante esta intervención, aproveitarase para substituír unha antiga canalización de fibrocemento en mal estado, executarase unha nova rede de saneamento separativa (pluviais, fecais) e novas redes de telecomunicacións e alumeado. Manteranse as redes de abastecemento e gas pero levarase a cabo a substitución das acometidas.

Parque infantil no lugar de Reibó

A Xunta de Goberno local tamén deu luz verde ao proxecto básico e de execución do parque infantil no espazo socioeducativo de Rial no lugar de Reibó (parroquia de Laraño) tras a revisión do segundo informe de supervisión da Deputación da Coruña.

Este proxecto básico e de execución ao abeiro do plan POS+ Adicional 2/2023, ten por obxecto a implantación dun parque infantil na área onde se atopa o centro sociocultural e a escola de educación infantil do lugar de Rial na parroquia de Laraño e o acondicionamento dun espazo educativo de actividades agrícolas. Contará cun orzamento de 124.999,99 euros (103.305,78 + 21.694,21 euros de IVE) e un prazo de execución de 40 días.

Equipamento para os Bombeiros

O Goberno municipal tamén acordou a adxudicación do contrato "Subministración dun compresor de aire do Servizo de Extinción de Incendios do Concello de Santiago de Compostela (SEIS)" á empresa SENSO INGENIERÍA E INSTALACIÓNES SL por un importe de 37.555,98 € (base impoñible 31.038,00 € máis IVE do 21% 6.517,98 €) e a aprobación do expediente de contratación da subministración de traxes de intervención e protección persoal (Chaquetóns e cubrepantalóns) con arnés para o persoal dos Bombeiros, que sairá cun orzamento base de licitación de 129.286,18 euros.

Tarifas aparcadoiro

A Xunta de Goberno tamén aprobou a revisión de tarifas dos aparcadoiros do Hórreo, San Clemente e San Caetano, tal e como fora solicitado pola empresa en decembro de 2022. O último acordo de revisión data de decembro de 2018, e a actualización correspondente desde entón, en función do IPC, é do 13,60%. Os tres aparcamentos xa viñan cobrando as tarifas recollidas no acordo de hoxe, tal e como contempla o contrato da concesión.

Compartir: