LINGUA

O Concello reafirma o seu compromiso coa nosa lingua nos actos con motivo do Día das Letras Galegas

15/05/2007 O hotel Porta do Camiño acolleu unha recepción institucional con motivo do Día das Letras Galegas, este ano dedicada a María Mariño. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Política Lingüística, Manuel Portas, presidiron este evento, no que participaron as asociacións veciñais e diversas entidades e persoas relacionadas coa lingua galega.

O acto comezou coa actuación do Trío Arpía e continuou coas intervencións do alcalde e do concelleiro. Sánchez Bugallo resaltou o "compromiso" do Concello coa lingua galega como "sinal de identidade". Nese sentido, lembrou que o galego é dende hai moitos anos a lingua utilizada preferentemente e de xeito normalizado no Concello. En termos semellantes se pronunciou Manuel Portas ao defender o noso idioma como "patrimonio de todos". Tamén interviu a escritora compostelá Mariña Pérez, que recitou uns versos de María Mariño.

A continuación procedeuse ao reparto entre as asociacións de libros e CDs en galego. Entre as obras repartidas figuraba a obra completa de María María Mariño. Tamén se entregou un CD-DVD editado especialmente para a ocasión, titulado "Palabra no tempo que comeza", no que Eloi Caldeiro canta a María Mariño.

María Mariño

A homenaxeada en 2007, María Mariño, naceu o 8 de xuño de 1907 en Noia. Os 20 primeiros anos da súa vida transcorreron no recinto histórico noiés onde tivo lugar a revolta veciñal de 1920 e o andazo de "gripe española" de 1918. Despois, por mor das dificultades económicas do seu fogar, marchou coa familia ata Escarabote (Boiro). Foi nesta mansión, dotada cunha xenerosa biblioteca, onde realizou as súas primeiras lecturas.

Logo trasladouse á casa da súa irmá á vila biscaíña de Berango, onde a sorprende a ofensiva das tropas franquistas para controlar as minas de ferro vascas. Antes de rematar a guerra volveu ao peirao da costa arousá, onde montou un pequeno parvulario e coñeceu ao mestre compostelán, Roberto Pose Carballido, o que casou o 31 de Mario de 1939.

Viviu tamén en Arzúa e Elantxobe (Biscaia). En 1946 aconteceu unha traxedia que a deixou profundamente marcada, a perda do neno ao que dera luz. Esta sombra acompañouna ata os seguintes destinos na comarca do Caurel, onde a sorprendeu outro drama, a morte da súa nai. En 1947, mentres sufría unha forte crise nerviosa, chegou á aldea de Parada, onde coñeceu ao poeta Uxío Novoneyra. Esta circunstancia provocará, ademais dunha relación amorosa, o xurdimento dunha das voces máis sorprendentes da lírica galega.

En 1963 publica o libro "Palabra no tempo", setenta poemas onde aparece a nostalxia da súa mocidade, o diálogo constante que establece coa natureza e as súas angustias e loitas espirituais. Despois, coa morte xa espreitando as súas pegadas, escribiría os poemas que compoñerían "Verba que comenza" (1990), onde agroman as súas crises emocionais e un profundo desacougo existencial. María Mariño faleceu de leucemia o 19 de maio de 1967.

Compartir: