EDUCACIÓN

Preséntase en Compostela a Carta de Cidades Educadoras

15/05/2007 Santiago é unha das máis de 300 cidades de todo o mundo integrantes da Asociación Internacional de Cidades Educadoras (AICE). Esas cidades asumiran o compromiso de difundir a Carta de Cidades Educadoras. Compostela faino agora, coa difusión entre todos os membros da comunidade escolar e entre a cidadanía en xeral deste documento.

A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, presentou esta "Carta de Cidades Educadoras", na que se apunta que as cidades deben promover "a igualdade, a xustiza social e o equilibrio territorial". As cidades educadoras adquiren o compromiso de fomentar, nas súas políticas, a información comprensible para todos os cidadáns, a participación destes, a convivencia e o civismo, a saúde, a sostibilidade, etc.

O Movemento de Cidades Educadoras iniciouse en 1990 con motivo do I Congreso Internacional de Cidades Educadoras celebrado en Barcelona. Daquela, un grupo de 60 cidades de 20 países plantexou o obxectivo común de traballar conxuntamente en proxectos e actividades para mellorar a calidade de vida dos seus habitantes. Estes supostos tomaron forma coa aprobación da chamada Carta de Cidades Educadoras. En 1994 este movemento formalizouse como Asociación Internacional no II Congreso celebrado en Bolonia. Dez anos despois, na cidade italiana de Xénova aprobouse a última revisión da carta. Esta é a que agora se presenta.

A Asociación Internacional de Cidades Educadoras está composta por máis de 300 cidades de 34 países dos cinco continentes. Delas, 180 son españolas, agrupadas na Rede Estatal de Cidades Educadoras (RECE). Este conxunto de vilas reuniuse entre o 28 e o 30 de marzo en San Sebastián, onde se acordou unha vez máis a publicación da Carta de Cidades Europeas nas cidades que aínda non o fixeran.

Compartir: