DEPORTES

O campo municipal de Santa Isabel acolle este sábado o I Torneo Solidario de Nadal

19/12/2023 O Club Vista Alegre S.D. coa colaboración do Concello de Santiago pon en marcha o I Torneo Solidario de Nadal de fútbol en varias categorías, co obxectivo de recoller alimentos para as familias máis vulnerables da zona norte de Santiago. Todas aquelas persoas que queiran participar nesta recollida, poden facer as súas achegas de alimentos non percedoiros no Local Social do Clube (rúa Vista Alegre, 85 - 1ºA), no campo de santa Isabel ou no CSC de Vite.

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, acompañada do presidente do Club Vista Alegre S.D. José Ángel Mosquera, presentou esta mañá o I Torneo Solidario Nadal 2023 de fútbol que terá lugar no campo municipal de Santa Isabel este sábado 23 de decembro desde as 09:00 ata as 21:00 horas.

Na competición participarán arredor de 500 rapaces e rapazas nas categorías alevíns, benxamíns, prebenxamís e xuvenís e 115 futbolistas veteranos.

Esta competición, que nace cun fin solidario, ten como obxectivo a colecta de alimentos non perecedoiros e de fácil recollida (pasta, arroz, legumes, froitos secos, conservas...) para axudar a familias en situación de vulnerabilidade da zona Norte de Santiago a pasar unhas mellores Festas de Nadal. Esta campaña lévase a cabo en colaboración co Banco de Alimentos Rías Altas e as AAVV do barrio de Vista Alegre, así como co apoio doutros establecementos locais.

A concelleira Pilar Lueiro animou a toda a cidadanía a asistir ao torneo o vindeiro sábado e achegar polo menos un quilo de alimento para a campaña. O obxectivo final é a recollida de unha tonelada de produtos para o seu posterior reparto entre a poboación máis vulnerable.

Compartir: