ALCALDÍA

Xuntanza da alcaldesa co presidente do Parlamento, o conselleiro de Cultura e o arcebispo de Santiago para comezar a desenvolver a Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres

18/12/2023 A alcaldesa, o presidente do Parlamento, o conselleiro, e o arcebispo inician os trámites encamiñados á constitución da Fundación que xestionará o Panteón así como a cesión dos espazos necesarios.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou esta tarde no pazo do Hórreo nunha xuntanza co presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; co conselleiro de Cultura da Xunta, Román Rodríguez; e co arcebispo de Santiago, Franscisco José Prieto, para dar comezo aos trámites previstos na Lei 5/2023, do 4 de agosto, do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, aprobada por unanimidade co apoio de diferentes institucións e entidades.

Na xuntanza, celebrada a petición do presidente da Cámara, acordouse iniciar os trámites encamiñados a constituír e rexistrar a Fundación Panteón de Galegas e Galegos, así como os referidos a que tanto a Arquidiocese como o Concello de Santiago cedan á futura Fundación o uso, respectivamente, da Igrexa de San Domingos de Bonaval e da parte do terreo público municipal imprescindible, dada a súa vinculación física con el.

Compartir: