LINGUA

O vindeiro luns entréganse os Premios Manuel Beiras ás empresas que se expresan "En galego, naturalmente"

15/12/2023 O próximo luns 18 de decembro a partir das 20 horas, o Teatro Principal acollerá a gala de entrega dos Premios Manuel Beiras ás empresas gañadoras desta nova edición, cuxo obxectivo é o de dar a coñecer a utilidade que ten o galego como lingua instrumental no ámbito mercantil.

"En galego, naturalmente" é o lema co que se presentou este ano os 'Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa e o comercio', convocados polo Concello de Santiago e a Cámara de Comercio. O slogan da campaña pretende pór en valor o uso da lingua galega nos establecementos locais como unha maneira de conectar coa clientela e achegar naturalidade e proximidade nun mercado cada vez máis global.

A gala na que se coñecerán as empresas premiadas, celebrarase o vindeiro 18 de decembro ás 20 horas no Teatro Principal e estará conducida por Isabel Risco. Todas aquelas persoas interesadas en asistir a gala deberán enviar un correo electrónico de confirmación a informacion@camaracompostela.com

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio colaboran desde o ano 2000 na convocatoria anual dos Premios Manuel Beiras, dedicados a recoñecer e poñer en valor as empresas que empregan habitualmente o galego na súa comunicación coa lembranza dun comerciante compostelán comprometido con Galicia, a cultura e a lingua galega.

Direcciones relacionadas



Compartir: