COMPOSTELA A ESTRELA DO NADAL

A veciñanza poderá achegar as súas "estrelas e desexos" á Alameda o vindeiro 30 de decembro

14/12/2023 A Alameda acollerá o vindeiro día 30 a partir das 17 horas, unha quedada popular para decorar conxuntamente unha árbore do paseo con estrelas de nadal e bos desexos e celebrar por adiantado a chegada do aninovo con música, luces e chocolatada. A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, e o concelleiro de Parques e Xardíns, Xesús Domínguez, fixeron un chamamento a todos os composteláns e compostelás a "vivir" as múltiples actividades do programa de ‘Compostela, Estrela do Nadal’.

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, convidou a veciñanza a participar o vindeiro 30 de decembro na iniciativa "Estrelas e desexos", unha quedada a partir das 17 horas no Paseo central da Alameda para decorar conxuntamente a árbore central, deixando cadaquén a súa estrela e dar a benvida adiantada ao 2024. As estrelas de madeira nas que se poden escribir os desexos poden adquirirse no mercado da Carreira do Conde. A edila adiantou que haberá un espectáculo "sorpresa" de luces e música e chocolate con churros para todas as persoas que asistan. "Queremos que a veciñanza sexa a protagonista destas festas, non é ver senon vivir", engadiu.

Tamén recordou que segue aberto o prazo para inscribirse na X Carreira da San Silvestre que terá lugar o 31 de decembro con saída ás 17 horas da avenida de Xoán XXIII e chegada á praza do Obradoiro, na que a partir das 23 horas "teremos un espectáculo a cargo da orquestra STEREO no que non faltarán as bolsas de cotillón e uvas da sorte que se repartirán entre as mil primeiras persoas que cheguen para vivir todos xuntos as badaladas".

Música e luces

O 3 e o 4 de xaneiro, os grupos Cantigas e Agarimos e Ultreia farán un percorrido polas prazas da zona vella con cantos e bailes nas chamadas ‘Cantadas de Nadal’. A ruada sairá ás 18.30 horas da praza de Cervantes, e seguirá ás 19 horas en Praterías, ás 19.30 no Toural e ás 20 no mercado da Carreira do Conde. O mesmo día 4 "teremos un certame de corais da cidade no Teatro Principal", engadiu a edila.

A Cabalgata de Reis ‘A Estrela do Nadal’, "da que se darán todos os detalles nunha roldade prensa", percorrerá as rúas da cidade o día 5 de xaneiro con saída ás 17 horas da avenida de Ferrol e chegada a praza do Obradoiro.

As luces estarán acendidas ata o 7 de xaneiro en horario de 18.00 h a 2.00 h e de 7:00 a 9:00 h, agás dos días 24, 25 e 31 de decembro de 2023 e o 5 de xaneiro de 2024, nos que a iluminación permanecerá acendida desde as 18.00 h ata as 9:00h do día seguinte. Ademais, haberá instalacións propias na Porta Faxeira, Mercado de Abastos, Bonaval, Obradoiro, na Alameda e na praza Roxa. En total, despregaran se fíos de leds en 128 rúas e prazas e tamén en 23 puntos de referencia do rural.

Xardíns das oito puntas

O concelleiro de Parques e Xardíns, Xesús Domínguez, valorou positivamente a acollida e resposta por parte do público familiar aos "Xardíns das 8 puntas" que foron instalados na praza do Obradoiro e nos barrios de San Roque, San Pedro, As Fontiñas, Sar, O Castiñeiriño, Conxo, Santa Marta e Vista Alegre.

O edil aproveitou a ocasión para agradecer a "implicación de todo o persoal municipal" na instalación destes espazos que "foron realizados con recursos propios do Concello, con medios económicos e humanos limitados, así como cun reducido prazo de execución".

Xesús Domínguez salientou que estes xardíns de Nadal naceron coa idea de estimular "a participación de nenos e nenas ao aire libre con zonas de xogo e esparcemento" a través da "creación dun escenario efémero para desfrutar do Nadal pero dun xeito sostible e xerando a mínima cantidade de residuos". Para isto "empregáronse materiais naturais e reciclables como madeira reutilizada e troncos de árbores cos que se fixeron xogos, animais ou elementos como cogomelos". En total, empregáronse 200 toneladas de área, un cento de exemplares árbores e arbustos e tapis verdes, que "terán un novo uso noutros espazos urbanos".

Por último, Xesús Domínguez convidou a veciñanza a visitar estes parques e facer as fotos para subir ás redes sociais baixo os arcos de visgo #BicoNoVisgo e #CompostelaEstreladoNadal.

A programación detallada pode consultarse na web estreladonadal.santiagodecompostela.gal

Compartir: