URBANISMO

O Concello asina un convenio para a obtención de solo no Campus Sur con destino ao Centro de Investigación Biomédica da USC

14/05/2007 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo e os propietarios Manuel Corzón Fajín (Promociones Manusán S.L) e Albino Munín (Construcciones La Rosaleda S.L) e José Pombo Seoane asinaron un convenio urbanístico para a obtención do sistema xeral de equipamento universitario EU-2. En virtude deste acordo, os propietarios ceden ao Concello tres parcelas, dun total de 10.846 metros cadrados, que posteriormente as cederá á Universidade.

As parcelas sitúanse no ámbito de San Lourenzo e figuran na revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal como terreos afectados como Sistema Xeral de Equipamento Universitario. En virtude do convenio, os propietarios ceden ao Concello as propiedades referidas, pero resérvanse o dereito a materializar o aproveitamento urbanístico equivalente ao valor do solo en futuros desenvolvementos urbanísticos, nas condicións que a tal efecto se fixan no convenio de no planteamento en vigor.

O alcalde recordou que nestes terreos se construirá o Centro de Investigación Biomédica da USC, que acollerá uns 200 investigadores. Grazas a este convenio, a Universidade pode por os terreos a disposición do Ministerio de Educación para que redacte o proxecto e licite a obra. Sánchez Bugallo lembrou tamén que a cambio desta cesión, a USC cederá ao Concello uns terreos en Galeras, onde se situará o futuro centro de saúde do casco histórico. Esta outra cesión formalizarase en breve noutro convenio.

Compartir: