EDUCACIÓN

A Escola Infantil do Polígono do Tambre estará rematada a principios de 2008

14/05/2007 O Goberno local adxudicou á empresa OVIGA as obras da que será a cuarta escola infantil municipal de Compostela, no Polígono do Tambre. Este novo centro suporá un investimento de 517.420 euros e ten un prazo de execución de seis meses. Igualmente, adxudicouse a redacción do proxecto da quinta escola, en Tras Parlamento.

Con estas dúas novas escolas, Santiago terá en 2008 cinco centros destas características. A do Polígono do Tambre, que estará lista a principios do devandito ano, responde a unha demanda dos traballadores deste complexo industrial e de servizos.

A nova escola do Polígono do Tambre contará con 61 prazas para nenos de cero a tres anos, distribuídos en catro unidades: unha para nenos menores dun ano (8 prazas), unha para nenos de 1 a 2 anos (13 prazas) e dúas para nenos de 2 a 3 anos (40 prazas). Terá sala de usos múltiples, comedor, área de administración, cociña, despensa e patio exterior.

O edificio é obra dos arquitectos César Coll e Vivíana Slafer. Segundo apuntou a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, unha das súa principais características é que cada unha das aulas conta cun patio exterior. Ademais, resaltou "o seu colorido e os cristais". A superficie útil total do edificio será de 444,93 metros cadrados, ademais dun patio exterior de xogos de 169,45 metros cadrados.

Está previsto que, como tódalas escolas infantís municipais, teña un horario de funcionamento de 7:30 a 20:00 horas.

Tras Parlamento

A redacción do proxecto da escola de Tras Parlamento foi adxudicada a Alfonso Penela Fernández, por un importe de 25.000 euros. Esta escola dará servizo ao Ensanche compostelán e situarase no parque da Constitución.

Esta escola disporá dunha superficie de 799,31 metros cadrados, cunha capacidade para 61 alumnos, coa mesma distribución en canto a unidades que a do Polígono do Tambre. Consta dunha plana baixa de 447,95 metros cadrados e un patio exterior de 256.

A construción e remate desta escola depende do definitivo traslado das dependencias de Benestar Social ao novo edificio que se está a construír en Galeras a tal fin.

Compartir: