XUVENTUDE

Volven os Orzamentos Participativos: a mocidade de Santiago decide o destino de 100.000 euros nos próximos presupostos

04/12/2023 Os mozos e mozas de entre 16 e 30 anos que residan, estuden ou traballen en Santiago decidirán o destino de 100.000 euros dos presupostos municipais de 2024. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude deu conta hoxe do inicio dun novo proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide "co que o Goberno quere reivindicar un papel máis activo da cidadanía na toma das decisións que lles afectan directamente".

María Rozas, que estivo acompañada pola responsable do departamento de Xuventude, Noela Vilas, salientou que "fomentar esta maior implicación é especialmente importante no caso dos mozos e mozas, que precisan novas ferramentas e oportunidades para expresárense". A tenenta de alcaldesa explicou que o departamento de Xuventude leva xa varias semanas traballando no proceso dos Orzamentos Participativos, "no que queremos implicar especialmente aos IES de Santiago, á Universidade, e ao tecido asociativo xuvenil". Neste sentido, xa se celebraron xuntanzas de traballo coas equipas directivas dos institutos, coa Universidade de Santiago, e con diferentes colectivos. María Rozas agradeceu "a receptividade que atopamos nestas reunións, que nos serviron para definir mellor o proceso, co obxectivo de acadar a maior participación posible".

100.000 euros para actividades

No proceso de Orzamentos Participativos, a mocidade poderá decidir en que gastar 100.000 euros do presuposto para actividades da Concellaría de Xuventude. Poderanse propoñer proxectos como festivais, obradoiros, accións formativas, campañas de sensibilización, ou calquera outro que estea dirixido á mocidade, entre dentro das competencias do Concello de Santiago, e non supere un orzamento de 15.000 euros. Antes da fase de votación, as propostas serán supervisadas e cuantificadas polo persoal técnico do departamento de Xuventude.

A concelleira de Xuventude lembrou que "no Concello de Santiago temos xa experiencias previas de Orzamentos Participativos para a mocidade, e deles sairon actividades moi interesantes como o programa de lecer nocturno Boas Noites, que perviviu alén dos orzamentos participativos; o festival As Cancelas Primavera Fest, o Mes da Cultura Urbana, o programa Hortalíza-Te, ou mesmo actividades de concienciación sobre igualdade e violencia de xénero".

Proceso de participación

O proceso de Orzamentos Participativos desenvolverase en dúas fases, a de realización de propostas e a de votación. Na primeira, poderá participar calquera persoa sen límite de idade, que poderá remitir as súas propostas por varias vías: a través da web www.decidesantiagodecompostela.gal que estará activa nos próximos días; no correo electrónico decide@santiagodecompostela.gal; nos espazos municipais habilitados, ou nos diferentes encontros sobre este proceso que organizará o Concello. A fase de realización de propostas desenvolverase de aquí a febreiro, e a súa viabilidade será avaliada por persoal técnico municipal.

Xa na fase da votación, só poderán participar os mozos e mozas nacidos entre 1994 e 2008 que residan, estuden ou traballen en Santiago. A través da web dos Orzamentos Participativos, cada persoa deberá votar tres das propostas presentadas, indicando o seu grao de preferencia. Esta fase desenvolverase na segunda metade de febreiro, unha vez publicada a listaxe definitiva das propostas.

María Rozas explicou que neste ocasión "procuramos unha maior implicación da comunidade educativa, e por iso prevemos realizar diferentes encontros nos institutos de Santiago e tamén na Universidade, para explicar mellor o proceso e mesmo para recoller achegas". Tamén se celebrarán estas xuntanzas noutros espazos como o Centro Xove da Almáciga, para chegar ao maior número de mozos e mozas posible.

Direcciones relacionadas



Compartir: