XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o Protocolo para a abordaxe das violencias sexuais e LGTBIfóbicas en espazos de ocio nocturno

04/12/2023 O executivo municipal deu luz verde tamén á convocatoria do concurso de decoración de Nadal veciñal, que conta cun orzamento de 2000 euros, e aos proxectos para a mellora e acondicionamento do centro sociocultural de Villestro e de pavimentación do lugar de Vilamaior (Sabugueira) por un importe global de 471.456,11 euros. De todos os asuntos deu conta en rolda de prensa a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín.

A Xunta de Goberno aprobou en sesión ordinaria o ‘Protocolo para a abordaxe das violencias sexuais e LGTBIfóbicas en espazos de ocio nocturno do concello de Santiago’, que ten como obxectivo "poñer a disposición das persoas responsables e traballadoras dos espazos de ocio nocturno unha ferramenta de apoio, así como diferentes estratexias e recursos, para a prevención de situacións de violencia sexual e/ou LGTBIfóbica e, de ser o caso, para a súa detección, atención e actuación de forma coordinada e unificada", indicou a alcaldesa que lembrou que o protocolo contou coa implicación "do ámbito da hostalería, da seguridade, universitario, etc".

Con esta ferramenta búscase que os espazos de ocio nocturno sexan axentes activos e comprometidos, con capacidade para actuar e xerar cambios a prol da erradicación destas formas de violencia machista. Así mesmo, tamén se procura o fomento dunha cultura de "tolerancia cero" para garantir, no contexto de ocio nocturno, o desfrute de toda a cidadanía dende a liberdade, a igualdade e a seguridade. Para isto, este Protocolo artellouse da man dun amplo proceso participativo.

"Trátase, sinalou a Sanmartín, dunha folla de ruta para saber como actuar ante este tipo de violencias machistas". Deste xeito, o protocolo recolle unha serie de medidas para a prevención destas condutas e de sensibilización "dirixidas a xerar cambios que permitan avanzar na erradicación das violencias sexuais e LGTBIfóbicas", situando o foco naquelas condutas máis normalizadas, así como na superación de mitos "que aínda persisten na nosa sociedade".

Para a súa implementación, prevese a realización de accións formativas específicas para a abordaxe das violencias sexuais e LGTBIfóbicas dirixida ao conxunto do persoal traballador dos diferentes espazos de ocio nocturno; a colocación de distintivos para visibilizar a adhesión do espazo ao Protocolo; a difusión dunha guía para a abordaxe das violencias sexuais e LGTBIfóbicas nos espazos de ocio nocturno co obxectivo de facilitar aos axentes adheridos a aplicación do Protocolo, e de dípticos de recursos e servizos especializados dirixidos á abordaxe das violencias sexuais e LGTBIfóbicas, con información en caso de sufrir ou presenciar algunha destas violencias.

Así mesmo, establécese un circuíto básico de actuación ante unha situación de violencia sexual e/ou LGTBIfóbica, inclúese un mapa de recursos e servizos de atención especializados, defínense os compromisos a asumir por cada unha das partes e recóllese o procedemento de adhesión. Por último, destínase un capítulo á avaliación e seguimento.

Outros asuntos

A Xunta de Goberno tamén a aprobou a convocatoria do concurso de Decoración de Nadal veciñal, que conta cunha dotación para premios de 2.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes comprende desde a publicación da convocatoria no BOP ata o 19 de decembro de 2023.

Así mesmo, aprobou os proxectos construtivos correspondentes ás obras de mellora e acondicionamento do centro sociocultural de Villestro, por un importe de 79.987,40 euros e un prazo de execución de 3 meses; é de pavimentación do lugar de Vilamaior (Sabugueira)", cun orzamento de 391.468,71 euros e o mesmo prazo de execución.

Deuse luz verde tamén ao expediente de licitación do contrato mixto da Subministración e do servizo de backup e ciber-resilencia na modalidade IAS, cun orzamento base de licitación de 181.845,98 € (base impoñible de 150.285,93 € máis IVE do 21% de 31.560,05 €), cuxo obxectivo é a submistración do equipamento e a prestación dos servizos necesarios para conservar (copia de seguridade) os datos informáticos dos sistemas do Concello. No ámbito da contratación, adxudicouse o contrato da subministración dunha rede de comunicacións dixitais para a operativa da Policía Local e Protección Civil a NORTCONSULTING SOLUCIONES, SL, por un prezo de 390.950,73 € (323.099,78 € sen IVE).

No apartado de convenios, a rexedora salientou a prórroga por un prazo de tres anos do convenio entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia Turismo de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela, para a execución do Plan de Sostibilidade Turística na cidade de Santiago de Compostela.

Compartir: