PROMOCIÓN ECONÓMICA

O 21 de maio remata o prazo para inscribirse na edición de primavera do Concurso de Escaparatismo

14/05/2007 O 21 de maio remata o pRazo para inscribirse na edición de primavera do Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping 2007. A Concellaría de Promoción Económica xa entregou as bases do certame aos aproximadamente 2.500 comercios que existen en Santiago. O concurso, que conta cun orzamento de 46.000 euros, consta de catro edicións anuais: primavera, verán, outono e Nadal.

Os premios dos gañadores do Concurso de Escaparatismo nas súas diferentes edicións consisten en investimentos en promocións publicitarias e nun trofeo, a maiores, para os que queden en primeiro lugar. A publicidade, a nivel local, inclúe campañas en televisión, en prensa e en radio. O certame enmárcase no Plan de Excelencia Comercial (PEC), dentro da liña Plan de dinamización e promoción económica. O PEC foi deseñado pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio, e nel colabora a Deputación A Coruña.

Promoción Económica promove dende o ano 2004 o Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping como medida de dinamización e mellora para os comercios en activo, e como incentivo da capacidade creativa, emprendedora e imaxinativa dos establecementos composteláns.

O Concurso pretende animar aos comerciantes a ofrecer unha imaxe comercial coidada e orixinal de xeito continuo, especialmente en período de rebaixas, onde a gran afluencia de público fai máis dificultoso manter a orde no establecemento. No concurso prima tanto o escaparate coma o interior do comercio.

En cada unha das catro edicións hai tres premiados e ao final do ano noméase un gañador final. Será o establecemento que manteña unha maior continuidade na súa imaxe ao longo das catro edicións. No ano 2006 o gañador final foi Andrómenas.

Compartir: