DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS

Constituído o Consello Municipal de Cooperación e Solidariedade

28/11/2023 A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presidiu onte a xuntanza na que quedou constituído o Consello Municipal de Cooperación e Solidariedade. O Consello, que non se reunía desde 2019, é un órgano consultivo de participación cidadá para a análise, asesoramento e seguimento das accións en materia de cooperación internacional ao desenvolvemento, educación para a cidadanía global e acción humanitaria do Concello de Santiago.

Na reunión de onte participaron representantes dos catro grupos da Corporación Municipal, así como da Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, o Consello Económico e Social, o Foro Cívico, o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o Foro Galego de Inmigración. Na xuntanza avaliáronse as próximas convocatorias de subvencións de cooperación ao desenvolvemento nas que está traballando o departamento de María Rozas. Tamén se acordou a celebración dunha xornada específica para dar a coñecer entre a veciñanza os proxectos que se desenvolveron con cargo a esas axudas.

Compartir: