ALCALDÍA

A Comisión Executiva do Eixo Atlántico aproba a súa ampliación a 42 membros

22/11/2023 A Asemblea Xeral, que se celebrará o 1 de febreiro en Vila Nova de Famalicão, deberá ratificar a incorporación do municipio de Fafe ao Eixo Atlántico. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participiou na xuntanza de forma telemática.

A Comisión Executiva do Eixo Atlántico aprobou o informe da presidenta, Lara Méndez, e o das Comisións Políticas nos que se reflicte o elevado nivel de execución de programa do Eixo Atlántico, así como os éxitos das diversas candidaturas presentadas aos fondos europeos. Actualmente, catro delas están aprobadas e tres, en proceso de avaliación por parte dos responsables dos programas da Comisión Europea. Todo iso, a pesar da retardación que supuxo nos municipios galegos os dous procesos electorais.

Durante a reunión valorouse de forma especial os plans elaborados en materia de innovación social e, en especial, o Mapa de Cohesión Social, primeiro en Europa dun sistema urbano transfronteirizo, a Axenda con actuacións para o reto demográfico, o Plan de Descarbonización das cidades do Eixo Atlántico e o Informe Socioeconómico de 2022.

Ademais, aprobouse a proposta de programa e de orzamento para remitir na Asemblea Xeral. Este último é de 4.665.000 euros en 2024, incluíndo os fondos provenientes de programas europeos.

Por último, aprobouse un protocolo de colaboración coa Oficina do Historiador da Habana, entidade responsable da recuperación e a restauración da Habana Vella. Esta proposta realizouna a delegación cubana que visitou cidades do Eixo Atlántico o pasado mes de xullo e asinarase na visita que Lara Méndez, alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo Atlántico, Ricardo Rio, alcalde de Braga e vicepresidente da entidade, e Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, realizarán á Habana no mes de xaneiro para identificar as actuacións de cooperación que poderán ser financiadas pola Comisión Europea.

Compartir: