CIDADES PATRIMONIO

Santiago promocionará emblemas propios da cidade no espectáculo de luz que conmemora o XXX aniversario do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade

18/11/2023 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou esta mañá na Asemblea xeral do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade onde se aprobaron as actividades que se realizarán para conmemorar o XXX aniversario da constitución do Grupo. A principal proposta aprobada consiste nun espectáculo de luz, que se realizará con máis de 200 drons, e que incluirá emblemas propios de cada unha das 15 cidades. Este espectáculo será recollido posteriormente nun vídeo promocional que se utilizará para difundir conxuntamente a singularidade de cada cidade en eventos internacionais.

A conmemoración do XXX aniversario do Grupo tamén incluirá, tal e como quedou aprobado na sesión que tivo lugar hoxe no Salón de Plenos da Casa Consistorial de Alcalá de Henares, un torneo de rugby entre equipos, masculinos e femininos, das 15 cidades, e espectáculos de música clásica, con protagonismo de artistas locais, en localizacións patrimoniais emblemáticas de cada cidade participante.

A alcaldesa de Santiago, que ademais de ser vicepresidenta do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade tamén é a presidenta da Comisión de Patrimonio, foi a encargada de dar conta dos principais puntos de traballo que se van afrontar nos vindeiros meses no marco de dita Comisión. Así, explicou ante os e as representantes das 15 cidades que se traballará por impulsar "foros de reflexión e actividades que aborden os problemas de encarecemento de vivenda e de alugueres nas cidades históricas, medidas para fomentar do comercio tradicional e avaliar a masificación turística que nalgúns casos producen comportamentos incívicos, co obxecto de que o patrimonio se respecte e se conserve debidamente".

O presidente do Grupo e alcalde de La Laguna, Luis Yeray Gutiérrez, aproveitou a Asamblea para informar que en 2024 levarase a cabo un plan de acción de turismo que inclúe a presenza en feiras, xornadas e presentacións directas en mercados emerxentes de interese, nomeadamente en Estados Unidos e Canadá, e que se está traballando para ter presenza en México e destinos europeos. "Son accións que nos axudan a fortalecer a marca Cidades Patrimonio, para un turista que busca algo diferente, que busca esas experiencias que as nosas cidades poden ofrecer. Estamos en disposición de ofrecer aos nosos visitantes os servizos de alta calidade que demandan, con una gran oferta de cultura, de gastronomía, e cunha rede de aloxamento de alto nivel", asegurou Yeray Gutiérrez.

Desde o 1 de xaneiro 2023, preside o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade o alcalde de San Cristóbal de La Laguna, Luis Yeray Gutiérrez Pérez. Forman parte da Asamblea de Alcaldes y Alcaldesas: Judith Piquet Flores, alcaldesa de Alcalá de Henares; Jesús Manuel Sánchez Cabrera, alcalde de Ávila; Pedro Javier Cabrera Rentero, alcalde de Baeza; Rafael Antonio Mateos Pizarro, alcalde de Cáceres; José Maria Bellido Roche, alcalde de Córdoba; Darío Dolz Fernández, alcalde de Cuenca; Rafael Triguero Costa, alcalde de Ibiza/Eivissa; Antonio Rodríguez Osuna, alcalde de Mérida; Carlos García Carbayo, alcalde de Salamanca; Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa de Santiago de Compostela; José Mazarías Pérez, alcalde de Segovia; Rubén Viñuales Elías, alcalde de Tarragona; Carlos Velázquez Romo, alcalde de Toledo, e Antonia Olivares Martínez, alcaldesa de Úbeda.

Compartir: