ACCESIBILIDADE

O Concello de Santiago comeza o proceso de consulta cidadá do Plan de Accesibilidade

17/11/2023 Esta consulta coa cidadanía pretende definir a situación de partida en materia de accesibilidade, así como identificar puntos críticos e posibles actuacións de mellora xeolocalizables. Todas as persoas que desexen participar nesta consulta poderán facelo en liña a través dunha ligazón, vía telefónica e ou a través de WhatsApp ou Telegram.

O Concello de Santiago comeza o proceso de consulta cidadá para o proceso de redacción do Plan de Accesibilidade. Mediante a mesma, preténdese definir e avaliar a situación de partida, así como recoller necesidades, problemáticas e actuacións concretas que a cidadanía considere necesarias atender para facer de Santiago de Compostela un municipio universalmente accesible.

Nese sentido, a consulta cidadá dispón de dúas partes: un cuestionario e un mapa interactivo. Na primeira, a cidadanía valorará a situación xeral do espazo público e os seus diferentes elementos (papeleiras, contedores, parques infantís, etc.), os servizos municipais, os edificios de titularidade municipal e o acceso aos establecementos privados.

Seguidamente, a través dun mapa interactivo, poderase indicar necesidades e actuacións concretas dentro do mapa de Santiago de Compostela. No mesmo, poderemos incluír a localización concreta e unha descrición da necesidade/actuación que queremos recoller.

Recoméndase responder ás preguntas só unha vez, porén, é posible acceder dereitamente ao mapa interactivo sen pasar polas preguntas no caso de que unha vez completada a enquisa desexen introducir máis aportacións ao mapa.

Para realizar a consulta pódese acceder dende o seguinte enderezo e estará aberta á cidadanía durane un prazo estimado de 2 meses. Ademais, como forma de garantir a accesibilidade universal na recollida de propostas, aquelas persoas que o precisen disporán das liñas de comunicación do programa para solicitar asistencia para cubrir a consulta cidadá, habilitando un teléfono aberto a chamadas e aos servizos de mensaxería instantánea de WhatsApp e Telegram (604.025.160) e o correo electrónico (accesibilidade.santiago@gmail.com).

Plan de Accesibilidade Universal

O Plan de Accesibilidade Universal de Santiago de Compostela é un Plan Estratéxico deseñado para satisfacer as necesidades de integración da poboación na procura dunha mellor calidade de vida a través da consecución dun modelo urbano e social accesible para toda a cidadanía.

Este proxecto enmárcase dentro das actuacións contempladas no Eixo 2 Destino intelixente, mobilidade sostible e accesibilidade, do convenio entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia Turismo de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela, para a execución do Plan de Sostibilidade Turística na cidade de Santiago de Compostela.

Direcciones relacionadas



Compartir: