ALCALDÍA

Goretti Sanmartín avoga por afrontar os retos do municipalismo con altura de miras e buscando o consenso na XI Asemblea Xeral da FEGAMP

15/11/2023 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, abriu esta mañá a XI Asemblea Xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias avogando por "afrontar os retos do municipalismo galego desde a responsabilidade política, con altura de miras e buscando o consenso para levar a bo porto aquelas cuestións relacionadas con mellorar a calidade de vida das persoas que habitan nos nosos concellos".

Goretti Sanmartín foi a encargada de dar a benvida na apertura da XI Asemblea Xeral da FEGAMP, que está tendo lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, cunha xornada que, baixo o epígrafe xenérico "Sentir e pensar Galiza desde o local", inclúe mesas de traballo sobre o financiamento local, a autonomía e as competencias locais, e o desenvolvemento estratéxico dos concellos.

Sobre estas tres temáticas falou someramente a alcaldesa na súa intervención inicial, poñendo o foco no financiamento e incidindo en que "os concellos galegos estamos infrafinanciados". Neste punto, asegurou que se trata "dun problema estrutural que nos afecta a todos, desde os concellos máis pequenos aos máis grandes, tanto en superficie como en poboación, e mesmo aos que teñen características especiais, como o caso do concello que eu represento, con eivas históricas en materia de financiamento por causa da capitalidade".

No marco do ámbito estatal mencionou que "os concellos galegos recibimos case 50 euros menos por habitante de media fronte aos concellos do resto do Estado" e reclamou que se teñan en conta criterios que "nos singularizan territorialmente como son o noso modelo de asentamento poboacional, xa que contamos con máis de 30.000 entidades singulares de poboación, ou as características da nosa poboación, xa que segundo o IGE, Galiza sitúase como a segunda comunidade, con maior taxa de avellentamento, cun índice do 231%, o que supón que xa temos o dobre de poboación maior de 64 anos que menor de 16".

No eido autonómico, Goretti Sanmartín asegurou que cuestións como "atender o mantemento de centros de ensino, prestar servizos como o de Axuda no Fogar, asumir os incrementos nos custos do alumeado público, contar cun transporte colectivo eficiente, ou atender os novos requirimentos na xestión da auga e dos residuos para cumprir cos parámetros da axenda 2030, precisan dunha análise realista do que supón para as administracións locais tanto en termos económicos como de xestión".

A rexedora compostelá, que compartiu mesa inaugural co presidente da entidade, Alberto Varela, e coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, insistiu na necesidade de "unir forzas para afrontar os retos cos que se inicia este novo mandato e sentar as bases para mudar o escenario" porque, asegurou, "coincidimos en cales son os problemas fundamentais que nos afectan a todos e o acerto que teñamos á hora de afrontar estes desafíos redundarán en beneficio da mellora da calidade de vida da nosa veciñanza e do futuro deste país".

Compartir: