CENTROS SOCIOCULTURAIS

"Os Bolechas. Amigas e amigos con diabetes" chegan á Rede de Centros Socioculturais grazas á doazón de ANEDIA

14/11/2023 As bibliotecas e espazos de lectura da rede dos centros socioculturais contarán con exemplares do libro "Os Bolechas. Amigas e amigos con diabetes", grazas á doazón de ANEDIA, a Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes de Galicia. O volume foi presentado hoxe no CSC Maruxa e Coralia polo concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, e a presidenta de ANEDIA, María Xosé Rego.

Coincidindo co Día Mundial da Diabetes, ANEDIA fixo entrega dos libros "que teñen como obxectivo normalizar a diabete e concienciar aos máis novos sobre esta patoloxía". Para iso, o volume bota man dos personaxes creados por Pepe Carreiro, Os Bolechas, para mostrar como é a vida cotiá dos nenos e nenas con diabetes no colexio ou nas actividades de ocio, cal é a tecnoloxía que están presente nas súas vidas, e como son os tratamentos que precisan. O concelleiro de Centros Socioculturais agradeceu a doazón destes libros, que foron editados grazas a unha subvención da Deputación da Coruña, "que estarán accesibles para toda a veciñanza de Santiago nos espazos nos que se desenvolven moitas actividades ás que asisten centos de persoas cada día".

Máis concienciación

Xan Duro mostrouse convencido de que "con esta acción contribuiremos a concienciar á poboación sobre a diabete tipo 1, que aínda é moi descoñecida e que cada vez lle afecta a unha maior pte da poboación".

Nesa liña, a presidenta de ANEDIA recoñeceu que a maioría das accións no Día Mundial da Diabete, que se celebra hoxe, están dirixidas a concienciar e previr a Diabete Tipo 2, "pero fálase menos da diabete tipo 1 que é a que non se pode previr, porque se descoñecen as súas causas". Segundo explicou, a incidencia desta enfermidade medrou un 10% nos últimos anos, e cada vez diagnostícase con maior frecuencia en nenos e nenas e adolescentes. O único tratamento para este tipo de diabete é a administración de insulina, "e é preciso que a poboación coñeza cales son os tratamentos e cal é a tecnoloxía que os e as doentes teñen ao seu dispor para mellorar a súa calidade de vida". A través dos Bolechas, explicou, "ofrécese esta información dun xeito adaptado para que os e as máis pequenas a entendan e saiban convivir con normalidade coa enfermidade e cos compañeiros e compañeiras que a padezan". Na actualidade, en Galicia hai máis de 1.100 escolares que padecen diabete tipo 1.

Compartir: