CULTURA

A Biblioteca Compostela de Narrativa Europea presenta as súas dúas últimas obras: "Fuxir" e "Non me deixes nunca"

10/05/2007 O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou as dúas últimas obras publicadas da Biblioteca Compostela de Narrativa Europea, unha iniciativa do departamento municipal coa editorial Galaxia. No acto tamén estiveron presentes o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, e o director literario da mesma, Carlos Lema.

Previo á presentación, ambas partes firmaron un convenio de colaboración entre as dúas entidades que contempla a publicación de catro exemplares cada ano dentro desta iniciativa, ademais da obra gañadora do Premio Novela Europea Casino de Santiago de Compostela.

A Biblioteca Compostela é un proxecto de publicación das mellores obras da literatura europea contemporánea en galego que naceu en 2006. Nesta ocasión, os libros publicados foron "La pensión de Eva", de Andrea Camileri, "A medición do mundo", de Daniel Kehlmnn, "A casa dos encontros", de Martin Amis, e a gañadora do Premio Novela Europea Casino de Santiago 2005: "Xuntos e máis nada", de Anna Gavalda.

As obras presentadas nesta ocasión foron "Non me deixes nunca", de Kazuo Ishiguro, gañadora do Premio Novela Europea Casino de Santiago 2006; e "Fuxir", de Jean-Philippe Toussaint. Segundo indicou Néstor Rego, esta iniciativa pretende achegar o mellor da literatura europea ao público de Galicia e tamén para referenciar o papel da nosa cidade como lugar do encontro.

Por outro lado, ao respecto da colaboración do seu departamento, Rego sinalou o desexo de que algún día a industria editorial galega sexa "capaz de afrontar en solitario o reto de traer á nosa lingua o mellor da literatura europea", pero que na actualidade "é preciso un proceso de normalización da lingua que debe ter o apoio das administracións públicas".

Publicación inédita

Pola súa banda, o director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, fixo un repaso das dúas obras que se presentaban e indicou que "Fuxir" é unha publicación inédita en castelán, e que esa debe ser a filosofía da Biblioteca Compostela de Narrativa Europea.

Ademais, Freixanes tamén aproveitou a ocasión para presentar algúns dos próximos títulos que se publicarán no futuro, entre os que se atopa toda a obra completa do Premio Nóbel de Literatura 2006, Orham Pamuk. Antes de que remate o ano, segundo indicou, estarán nas tendas a súa primeira obra, "O castelo Branco", así como a última, na que aínda está traballando o autor, "O museo da inocencia", que sairá á luz en galego ao mesmo tempo que no resto das outras linguas de Europa.

O director literario de Galaxia, Carlos Lema, afondou na temática de cada un dos libros presentados así como da obra de Orham Pamuk, e engadiu dous títulos máis, que se van incluír na Biblioteca Compostela de Narrativa Europea do ano 2007 e que son "O retorno", de Bernhard Schlink, prevista a súa publicación para xullo do 2007, e "A pista de area", de Andra Camilleri, en outubro do 2007.

Compartir: