ALCALDÍA

O Concello urxe a Xunta a atallar o problema de mobilidade e a carencia de prazas de aparcadoiro mentres duren as obras de ampliación do CHUS

07/11/2023 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, mantivo unha reunión en San Caetano para analizar o marco de colaboración entre o Concello e a Xunta co obxectivo de mellorar a integración urbana e a ordenación da mobilidade do complexo hospitalario, tendo en conta que o CHUS é un equipamento sanitario de ámbito supramunicipal e, por tanto, lle corresponde á Xunta a correcta xestión do tráfico e da zona de aparcadoiro.

Na xuntanza -en que participaron o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ademais dos concelleiros de Mobilidade, Xan Duro, e de Urbanismo, Iago Lestegás- manifestouse a necesidade dunha actuación urxente mentres duren as obras de ampliación do complexo hospitalario para paliar a situación que se vai producir pola redución de prazas existentes.

Na proposta de convenio que presentou a Xunta solicita unha achega extraordinaria de 4,3 millóns de euros para alén doutras colaboraciós, que non ten en conta o que significa a poboación de Santiago no conxunto dos 46 concellos da área sanitaria. Desde o punto de vista técnico analizaranse as solucións a esas propostas cun diálogo aberto á colaboración, mais cun criterio de ponderación xa que Santiago representa o 22% do conxunto da área sanitaria.

Neste sentido, o Concello lembrou que a responsabilidade sobre a ordenación do espazo do hospital é exclusivamente do Sergas, ao ser da súa propiedade.

Ademais, o Concello empraza a Xunta a darlle unha solución provisional inmediata aos problemas de aparcamento mentres dure a obra, xa que a fórmula do aparcadoiro compensatorio fronte á entrada do Gil Casares non vai cubrir a demanda, tendo en conta que son 220 prazas destinadas só a persoal sanitario.

De cara ao remate das obras, o Concello lembrou a obriga do Sergas, vinculada á ampliación do centro, de garantir a adecuada calidade urbana da súa integración. Con base nisto, tal como se desprende do estudo de mobilidade e do planeamento, a resolución do problema está na mellora global da contorna e da mobilidade.

Desde o Concello de Santiago apóstase por desenvolver a ordenación do SUD 9-10 para que garanta a adecuada integración do complexo hospitalario, con espazos arborados e de paseo na súa contorna onde tamén se poida estacionar.

No marco desa colaboración, o Concello ofrece unha parcela valorada en 3.010.000 euros que ten reservada para a construción de máis de 400 prazas do aparcadoiro, distribuídas en tres andares, por parte da Xunta. A iso súmanse a achega de terreo a expropiar para a construción da glorieta da confluencia de Volta do Castro coa Travesa da Choupana cun valor de taxación de 261.720 euros que asume o Concello, mais a bonificación da taxa de licenza e do 95% do ICIO por un valor total de 1.905.000 euros. Esta achega municipal suma 5.176.720 euros.

Plan de mobilidade sustentable para persoal sanitario

Por parte do Concello, propuxéronlle á Xunta pór en marcha o plan de mobilidade sustentable para as persoas empregadas no complexo hospitalario, previsto como obrigatorio no anteproxecto de Lei de mobilidade, cun servizo de transporte colectivo para profesionais sanitarios, xa que ocupan o 80% das prazas do aparcadoiro público en horario matinal, e dinamizar a súa zona reservada que mantén prazas libres. De acordo con ese plan, o Sergas debe facilitarlle ao seu persoal unha oferta de prazas suficiente e razoable cando se implanten as medidas de sustentabilidade que lle corresponden coa ampliación das instalacións.

Tamén convidaron a Xunta a incrementar as frecuencias e mellorar o servizo para propiciar o uso do transporte colectivo metropolitano para as máis de 450.000 persoas usuarias e visitantes potenciais procedentes dos 46 concellos da área sanitaria Compostela-O Barbanza. No propio estudo da Xunta determínase que tan só unha media de 340 persoas diarias utilizan o bus interurbano para desprazarse ao hospital clínico.

O Concello comprometeuse a estudar a posibilidade dun reforzo no transporte para profesionais sanitarios que vivan en Compostela e manifestou que xa ten previsto incrementar as frecuencias no novo prego do concurso de transporte urbano.

Cómpre ofrecer unha dotación de prazas de aparcamento suficiente e administrala en función das necesidades reais de demanda de cada un dos colectivos de persoas usuarias segundo a súa tipoloxía (doente, acompañante e persoa traballadora), tendo en conta a ampliación e creación de novas instalacións sanitarias que van congregar máis afluencia ca actual.

Compartir: